Acordos nos concellos

PSdeG e BNG asinan acordo de goberno en Lugo

A cidade de Lugo contará cun coberno de coalición entre o PSdeG da alcaldesa Lara Méndez e o BNG de Rubén Arroxo, quen será primeiro tenente de alcalde após a constitución dos consistorios o sábado 15 de xuño. Ambas forzas asinaron o acordo de goberno.

IMG_1510
photo_camera Méndez e Arroxo asinan o acordo de goberno

As negociacións deron os seus froitos no concello de Lugo e desde este sábado a cidade amurallada contará cun goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG. Lara Méndez repetirá na alcaldía de Lugo, mais non gobernará en solitario após asinar a mañá desta sexta feira 14 de xuño o pacto de goberno co Bloque Nacionalista Galego. O acordo foi referendo polas bases do BNG na asemblea local, e segundo o mesmo, as concelleiras e concelleiros da formación nacionalista estarán á fronte das áreas de Infraestruturas, Mobilidade e Transporte Urbano, Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Educación e Cidadanía.

O acordo foi referendo polas bases do BNG na asemblea local

As oito actas coas que conta o PSdeG súmanse coas 5 do BNG (no anterior mandato contaba con 2 e o seu ascenso permite que a esquerda reteña o goberno municipal) e forman por tanto unha maioría absoluta fronte as 10 do PP e 2 de Ciudadanos. Con estes resultados Arroxo afirmou após a sinatura do acordo que as urnas foron claras apostando nun goberno na cidade Lugo entre ambas as dúas forzas. Desta maneira, ao igual que en Pontevedra haberá un cogoberno nacionalista e progresista.

O acordo asinado por Méndez e Arroxo baséase “na colaboración institucional” co fin de dar estabilidade á xestión, defender os intereses da veciñanza de Lugo, impulsar os servizos municipais e dar respostas aos grandes retos do municipio nos eidos da gobernanza, o urbanismo, o medio ambiente, a cultura, a economía, o medio rural e o deporte, así como a todas as políticas sociais.

O texto de cogoberno afirma que este rexerase polos principios de lealdade e respecto mutuo, sendo un goberno único sen prexuízo da autonomía nas áreas de xestión, actuación coordinada e diálogo e interlocución constante.

As prioridades que se sinalan son o impulso dunha política de colaboración coas demais administracións e esixirlles un trato igualitario para Lugo na execución de obras e proxectos “ante a necesidade urxente de contar cunhas infraestruturas viarias e ferroviarias dignas”, sinala o texto, subliñando a vontade de lograren mellores conexións co resto de Galiza.

Outra das prioridades é a creación dun mapa municipal de servizos públicos que recolla todos os recursos e prestacións que ofrece o concello para facilitar a información e o seu funcionamento, así como con orzamentos participativos “como mecanismo para implicar á cidadanía na xestión dos fondos públicos”.

O concello ademais comprométese a esixir a Xunta a construción dun novo centro de saúde no Sagrado Corazón, o cumprimento dos proxecto de dotación de servizos sociosanitarios no barrio da Residencia, a construción nesa área do Centro Integral de Saúde, da Residencia Terceira Idade e Oficina de Emprego.

PSdeG e BNG comprométense a facer de Lugo municipio de referencia feminista

PSdeG e BNG comprométense a facer de Lugo municipio de referencia feminista co reforzo de accións transversais en todas as áreas de goberno, avanzado cara a un Lugo “inclusivo e amábel coa diversidade, que permita a vida en equidade e liberdade”.

En canto ás políticas públicas, o criterio é avanzar nelas e impulsar accións que melloren a accesibilidade e mobilidade nos barrios, eliminar as barreiras arquitectónicas. e desenvolver una política de mobilidade penada para as persoas e que pule polo transporte público eficiente. As dúas forzas compormetéronse tamén por escrito a traballar por consolidar Lugo como referente en industrias ecolóxicas vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal, e colaborar co sector primario, fomentando o cooperativismo, apoiando o emprendemento coa posta a disposición dos emprendedores e emprendedoras dos montes de titularidade municipal para o seu aproveitamento

Comentarios