Reaccións ao discurso do Borbón

Rego apela a romper cunha monarquía "anacrónica e corrupta"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "ridículas" as apelacións do rei Felipe VI á ética durante o seu discurso de Nadal da quinta feira e urxiu a "romper" cunha monarquía que ve "anacrónica e corrupta".

O deputado nacionalista Néstor Rego. (Foto: BNG)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

A través dun comunicado, o deputado nacionalista puxo de manifesto que as palabras do monarca evidencian unha "profunda crise da monarquía e o réxime político que esta representa".

De feito, Rego criticou a apelación á ética realizada por Felipe VI "mediante unha frase xenérica" en alusión velada aos "graves e reiterados escándalos de Juan Carlos de Borbón, que implican a outros membros da familia, incluído o actual Xefe do Estado".

Ademais, o deputado do Bloque destacou que, a pesar da "pretensión de revestilo de modernidade", o discurso lembroulle a outros anteriores do rei emérito.

Néstor Rego tamén recalcou que o rei Felipe VI perdeu "a oportunidade de desmarcarse dos propósitos golpistas de grupos de altos mandos militares" que nos últimos meses se dirixiron ao Xefe do Estado mediante diversas cartas que, segundo subliñou o deputado nacionalista, "ameazaban os dereitos dos cidadáns e a democracia".

"O que cala, outorga", indicou Rego respecto a as misivas dos exmilitares

"O que cala, outorga", indicou Rego respecto a as misivas dos exmilitares. Así mesmo, o portavoz do BNG no Congreso afeoulle a Felipe VI que se referira á ditadura como "período de enfrontamentos, igualando vítimas e verdugos". "Deixa claro o que pensa respecto diso", comentou a continuación.

Por todo iso, e tras "un chamamento desesperado" que fixo o monarca á democracia e á Constitución, Néstor Rego insistiu na necesidade de "romper coa monarquía española anacrónica" e de que a Galiza "teña a capacidade de decidir de forma soberana sobre os seus asuntos". "E iso unicamente pódese materializar nunha República Galega", sentenciou.

Comentarios