Por que a Xunta apoiou a denuncia de Reganosa contra o Concello de Mugardos para reclamar 5,5 millóns de euros?

Entrada dun buque gaseiro na ría de Ferrol con destino ás instalacións da planta de Reganosa en Mugardos. (Foto: APFSC)
A sociedade, participada parcialmente polo Goberno galego, decidiu o pasado ano emprender as "accións precisas" contra a corporación local para exixir a devolución dos tributos abonados na última década que considera que non lle correspondían após unha resolución do TEAC.

O Consello de Administración de Regasificadora del Noroeste SA (Reganosa), participada nun 25% pola Xunta da Galiza, acordou en xuño de 2021 emprender as "accións precisas para a defensa dos dereitos da sociedade fronte ao Concello [de Mugardos] pola devolución do IAE (Imposto sobre Actividades Económicas) dos exercicios 2010-2019, así como a anulación da liquidación do exercicio 2020, incluíndo a interposición dos recursos contencioso-administrativos que procedan".

Na acta, á que tivo acceso Nós Diario, infórmase do acordo alcanzado, "por unanimidade", para iniciar accións legais contra a corporación municipal, por parte dun Consello de Administración constituído daquela, na parte que representa o Goberno galego, polo actual presidente, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Industria, Paula Uría; o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez; o de Facenda, Miguel Corgos, e o seu predecesor no cargo, Valeriano Martínez, finado o pasado ano.

O asunto volveu saír á palestra nesta quinta feira na comisión de Economía do Parlamento da Galiza, nunha sesión na que Paula Uría instou Mugardos —municipio gobernado polo PP— a ter "altura de miras" e "apoiar o convenio entre o Concello e Reganosa". Pola súa parte, o BNG, da man do deputado Mon Fernández, cuestionou o visto bo da Xunta a esta demanda presentada contra o Goberno local pola que se reclama a devolución de máis de cinco millóns de euros.

"Por que o presidente Rueda votou a favor de que Reganosa demandase o Concello de Mugardos?", preguntou Fernández, unha cuestión que, lamentou, Uría "non foi quen de explicar".

O asunto de fondo é a propia configuración do IAE. Reganosa, cando iniciou a súa actividade, inscribiuse no epígrafe 123.2 deste tributo, mais a Axencia Tributaria modificouno polo 152 posteriormente. A sociedade recorreu mais perdeu en primeira instancia, até que en 2020 o Tribunal Económico-Administrativo Central (TEAC) acabou por darlle a razón, decretando que o epígrafe correcto é o 123.2.

O cambio de epígrafe, subliñou Mon Fernández, é "substancial" para o Concello de Mugardos, pois co 152 recibía da compañía uns 467.000 euros anuais de tributos e, co 123.2, pasaba a 34.183 euros.

Agora Reganosa exixe a devolución do excedente en impostos pagado na última década, unha contía que superaría os 5,5 millóns de euros e, se ben fixo unha oferta á corporación local para negociar o retorno dos cartos, que Uría defendeu na Cámara, o deputado nacionalista cre que se trata dunha "chantaxe".

"A proposta de retirar a demanda consistiría en que o Concello acepte a reclamación de Reganosa, é dicir, a débeda de 5 millóns e medio de euros, e Reganosa faría unha doazón ao Concello por valor de 4.815.312,1€, un 87,5% da cantidade total, e destinar os restantes 683.660,57€ da débeda como pagamento a conta do IAE para os vindeiros 20 anos. Proposta que, por certo, desprende certo cheiro a chantaxe, e gostariamos de saber se considera posíbel que o Concello de Mugardos acepte esta proposta, tendo en conta que en vía administrativa xa rexeitou a devolución dos cartos, e tendo en conta ademais que os informes que solicitou, tanto ao secretario xeral do Concello como outro informe que pediu á Axencia Tributaria, se pronunciaron en contra da solicitude de devolución realizada por Reganosa", apuntou en sede parlamentaria.