O PSOE de Pontevedra propón expulsar afiliados que empreguen prostitución ou xestación subrogada

Unha das emendas da formación socialista para o seu congreso pide eliminar do texto a federalización da Axencia Tributaria: "Hai que diferenciar entre un pacto puntual e un ideario".

David Regades (no centro), nunha xuntanza do grupo provincial do PSOE en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
David Regades (no centro), nunha xuntanza do grupo provincial do PSOE en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Expulsar a afiliados que empreguen a prostitución ou xestación subrogada, contraveñan a exemplaridade e a coherencia coa posición política do PSOE é unha das propostas incluídas nas emendas dos socialistas de Pontevedra ao relatorio do 41º Congreso Federal do PSOE que decorrerá a partir do 29 de novembro en Sevilla.

Os socialistas de Pontevedra aprobaron 130 emendas na convención provincial na que se abordaron estas achegas saídas das agrupacións locais, un encontro que estivo presidido polo secretario xeral provincial, David Regades.

Entre as 130 emendas, ás que tivo acceso a axencia Europa Press, figura unha do PSOE de Pontevedra aos estatutos que pide que perdan a condición de afiliados os cargos orgánicos e públicos que demanden prostitución e contraveñan a exemplaridade e a coherencia coa posición política do PSOE.

Neste sentido, o PSOE vigués vai un paso máis aló e propón incluír entre os motivos para a perda da condición de afiliado tanto os cargos que demanden prostitución como os que utilicen a xestación subrogada.

Financiamento

As 130 emendas que o PSOE provincial envía ao relatorio marco versan sobre diversos temas, entre eles o financiamento autonómico. Neste punto, a agrupación pontevedresa tamén pide modificar o apartado relativo á reforma dos sistemas de financiamento autonómico e local para suprimir a federalización da dirección da Axencia Tributaria (AEAT) para dar máis capacidade de decisión ás Comunidades autónomas e o despregamento dunha estratexia en rede coas facendas autonómicas.

Respecto diso, os socialistas de Pontevedra consideran que se debe eliminar este punto do texto ao soster que "hai que diferenciar entre un pacto (puntual e entre partidos nunha comunidade autónoma) dun ideario político xeral". "O Estado é o competente para regular non só os seus propios tributos, senón tamén o marco xeral de todo o sistema tributario e a delimitación de competencias financeiras das comunidades respecto das do propio estado", sinala.

Saída Sur

Ademais, noutras emendas da formación socialista pídese máis impulso ao transporte público e á conexión da alta velocidade con Galiza con toda a península, así como a priorización do eixo Vigo-Porto-Lisboa e o Corredor Atlántico.

Así mesmo, en asuntos como a vivenda, pídese máis control dos espazos urbanizábeis, así como a prohibición de converter os salóns das vivendas en dormitorios nos pisos de aluguer para evitar a especulación e pór coto ás vivendas de uso turístico.

Comentarios