Besteiro anuncia que o PSdeG tamén se manifestará o 17-N pola lingua
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu onte que, á vista dos últimos datos sobre o uso do galego, "urxe articular medidas ben planificadas e ben dotadas economicamente para reverter a perda do uso do idioma propio, especialmente entre a mocidade"”.
Tras reunirse con representantes da plataforma Queremos Galego, avanzou que o seu partido se vai sumar á "Declaración unitaria pola lingua" e que os e as socialistas de Galiza se mobilizarán o próximo 17 de novembro para que a manifestación en favor dun cambio de rumbo nas políticas sobre o galego "sexa un éxito".
Besteiro incidiu en que hai que traballar para "evitar que o seu uso siga caendo". O líder socialista recordou que unha das primeiras iniciativas que lle trasladou a Rueda ao inicio desta lexislatura foi un gran pacto en favor da lingua.
"Aínda que os últimos datos son terribles, xa que reflicten que o noso idioma desapareceu por completo das vidas de 50% das persoas menores de 30 anos, non deixan de ser a continuación dunha tendencia que comezou tras racharse todos os consensos ao chegar o PP ao poder", lamentou.
O secretario xeral socialista considera que a Xunta da Galiza, "para ser críbel" cando tende a man neste asunto, “debe poñer sobre a mesa medidas urxentes” artelladas arredor dun programa de traballo e de fondos dabondo, algo que os socialistas pedirán "que se reflicta nos Orzamentos do 2025" e lembrou que "o galego xa é unha lingua minoritaria en Galiza fronte ao castelán".

