PSdeG denuncia 160 contratos "a dedo" por valor de 7 millóns por parte da Deputación de Ourense

Trátase de contratos menores de obras, servizos e subministracións de catro empresas nos últimos dous anos; segundo as socialistas, que piden que se investigue a relación de Baltar con esas compañías.

Deputación de Ourense
photo_camera Deputación de Ourense

O PSdeG de Ourense acusou a Deputación de adxudicar 160 contratos menores de obras, servizos e subministracións "a dedo" a catro empresas. En concreto, as socialistas referíronse a que "só estas catro empresas teñen facturación de arredor de 7 millóns en obras menores nos últimos dous anos". Así o manifestou esta quinta feira o voceiro provincial socialista, Rafael Rodríguez, que falou “dun total de 160 obras" nos últimos dous anos a estas empresas e criticou que "a propia lei establece que só son posíbeis 2 contratos menores na mesma anualidade ".

Nós Diario publicou a fianis do pasado mes de xaneiro unha reportaxe na que informaba de como os contratos menores da Deputación de Ourense, en sospeita. A Fundación Civio publicou unha investigación sobre posíbeis fraudes de lei na licitación de contratos menores. Nela destacaba que a Deputación de Ourense adxudicase até sete contratos de obras a unha mesma empresa en febreiro ou cinco a outra en abril de 2019. Moitos deles, por importes próximos aos 40.000 euros de límite que permite a norma. 

Agora, o PSdeG ourensán considera que o ente provincial "incumpre" a Lei de contratos de servizo público e referiuse especificamente a "polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros, o límite que establece a legalidade" e "ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros, o outro límite establecido ".

Neste sentido, o portavoz socialista confirmou que o PSOE "informará dos feitos" e achegará toda a documentación que teñen ao Consello de Contas da Galiza.

Villarino tamén solicitou que "se investigue o vínculo entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e estas catro empresas".

O socialista subliñou ademais que " case todas as obras se adxudican polo mesmo importe" cando se trata de obras de "natureza completamente diferente".

O deputado socialista Ignacio Gómez, pola súa banda, criticou que a medida que a lei estatal reduciu a cantidade máxima destes contratos menores, o número de contratos por empresa neste concello "aumentou".

Tamén dixo que "algunhas das adxudicacións son claramente unha fraude de lei, porque foron adxudicadas por importe de 40.000 euros exactos cando a lei di claramente que deben ser inferiores a esa cantidade".

Comentarios