Os contratos menores da Deputación de Ourense, en sospeita

A Fundación Civio vén de publicar unha investigación sobre posíbeis fraudes de lei na licitación de contratos menores. Nela destaca que a Deputación de Ourense adxudicase até sete contratos de obras a unha mesma empresa en febreiro ou cinco a outra en abril de 2019. Moitos deles, por importes próximos aos 40.000 euros de límite que permite a norma. 
onzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Imaxe: Europa Press)
photo_camera onzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de D.O. (Imaxe: Europa Press)

O 1 de febreiro de 2019 a Deputación de Ourense, presidida polo popular Manuel Baltar, adxudicou cinco contratos, con importes que se aproximaban aos 40.000 euros, á empresa Camiños de Ourense S.L. para a mellora de camiños e estradas nos municipios de Pontedeva, Boborás, Ourense ou Amoeiro.

O 2 de abril, a Deputación adxudicou a Construcións e Almacéns Manuel Viso e Fillos S.L. outros sete contratos, dous de 40.000 euros e tres próximos a esa cifra para obras similares. En ambos casos, a Administración podería estar incumprindo a lexislación vixente para adxudicar contratos 'a dedo'.

A Deputación de Ourense podería estar incumprindo a lei de contratos do sector público

Este e outros datos foron destacados esta semana pola Fundación Civio, que desde hai oito anos analiza a información sobre contratación pública no Estado, no marco dunha investigación sobre contratos menores. Nela, analizan os licitados nos sete primeiros meses de 2019, concluíndo con que moitos poderían ter sido adxudicados en fraude de lei.

A investigación, coordinada pola xornalista Eva Belmonte, sitúa nese período a Deputación de Ourense como a Administración que máis tería empregado a fragmentación de contratos de obra e servizo para a súa adxudicación sen pasar por un concurso público. 

No caixón dos contratos
En 2017 aprobouse a Lei de Contratos do Sector Público, norma que estabelece os criterios que rexen os denominados contratos menores. As Administracións poden adxudicalos "directamente a calquera empresario coa capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación". É dicir, non é necesario convocar un concurso público. A norma tamén fixa un teito orzamentario para estes contratos, de 15.000 euros no caso da licitación dun servizo e 40.000 euros no dunha obra.

"Se aplicamos a lei nun sentido estrito, nos primeiros meses de 2019, teríase incumprido en máis de 6.500 adxudicacións", di Belmonte

A propia lei prevé medidas para evitar que as Administracións abusasen dos contratos menores, esixindo unha xustificación de que non se altera o obxecto do contrato. O texto tamén prohibe a adxudicación de varios contratos menores a unha mesma empresa se o orzamento destinado total supera os teitos xa mencionados. Exactamente o que fixo a Deputación de Ourense nos casos citados ao inicio.

"Se aplicamos a lei nun sentido estrito, nos primeiros meses de 2019, teríase incumprido en máis de 6.500 adxudicacións", abunda a xornalista Eva Belmonte a Nós Diario."Analizando os datos atopamos que a posíbel fragmentación dos contratos menores é moi habitual nas Administracións. E hai casos moi rechamantes, como o da Deputación de Ourense", engade.

Os sistemas de control interno semellan bastante laxos, analiza Belmonte

A coordinadora da investigación engade que non todos os casos obedecen a un incumprimento da norma, “haberá algúns nos que exista esa xustificación”, mais que a Fundación Civio solicitará a súa revisión.“Apenas se controlan de forma externa e os sistemas de control interno semellan bastante laxos”, analiza. 

Os millóns da Deputación
A Deputación de Ourense é primeira no ranking estatal de fragmentación de contratos menores. Entre xaneiro e xullo de 2019 asinou 120; 55 deles de obra cun importe total de case 21 millóns de euros e adxudicados a un total de 10 empresas. Os datos tamén devolven a predilección deste organismo polas cifras próximas aos 40.000 euros, o límite legal dos contratos menores. En total, 32 dos contratos concedidos teñen un orzamento de 39.669,42 euros.

32 dos contratos concedidos teñen un orzamento de 39.669,42 euros

No alto do podio de adxudicacións empatan Camiños de Ourense S. L. e Construcións e Almacéns Manuel Viso e Fillos S. L., con quince asignacións cada unha. Ambas empresas, como lembra a investigación de Civio, están incluídas nas denuncias á Deputación de Ourense por financiamento ilegal que presentou Democracia Ourensana (DO) perante a Fiscalía en 2016. 

En novembro de 2019 o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza obrigou a anular un concurso da Deputación

O grupo acusaba a Administración dirixida por Baltar de fragmentar contratos, outorgando o 75% deles a "dedo" a "cinco empresas". O "desfalco podería estar arredor de 2 millóns", denunciaba o portavoz de DO e hoxe alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O feudo da dinastía Baltar non só acumula reclamacións por adxudicar obras a dedo. En novembro de 2019 o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza obrigou a anular un concurso da Deputación a través do que promocionou a 69 traballadoras e traballadores. Daquela o PSOE demandou a dimisión de Manuel Baltar. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios