O PSdeG de Narón racha coa coalición de Goberno contra a súa vontade obrigado pola dirección do partido: "Non é de recibo"

Catalina García e David Pita esta segunda feira en rolda de prensa en Narón (Foto: Europa Press).
o portavoz do PSdeG en Narón, David Pita, explicou que recibiron un burofax días atrás no cal se lles daba dez días para "saír do Goberno".

Os tres integrantes do grupo municipal do PSdeG no Concello de Narón presentaron a súa renuncia a seguir formando parte do Goberno municipal e abandonaron o bipartito que conformaron desde o inicio do mandato co partido Terra Galega.

Así o trasladou o portavoz desta formación, David Pita, nunha rolda de prensa ofrecida á primeira hora da mañá no propio Concello, onde asegurou que esta decisión foi tomada "a pedimento das executivas provincial e galega".

Neste sentido, explicaron que recibiron un burofax días atrás no cal se lles daba dez días para "saír do Goberno" formado por Terra Galega, con dez edís, e o PSdeG, con tres concelleiros, dunha corporación de vinte e un.

Pita detallou que esta obrigación "contradí o decidido por unha asemblea da agrupación local, onde máis de 70% da militancia votou a favor de continuar no Goberno local, e de non facelo, ameazábaselles con "tomar as medidas disciplinarias do partido por non acatar esta decisión", polo que decidiron abandonar o Goberno.

Pita agradeceu á "militancia o seu apoio, cremos neles e estimamos que son eles os que teñen que decidir, xa lles comunicamos a decisión".

A preguntas dos medios de comunicación, sobre se esta decisión pode pasar fractura ao PSdeG nas próximas eleccións municipais, para as que o candidato á Alcaldía de Narón polo PSdeG é Jorge Ulla, que pertence á executiva de Ferrol, Pita incidiu en que "iso será unha decisión da cidadanía de Narón.

"A cidadanía de Narón será a que terá que valorar que veña xente da executiva de Ferrol, e que poida afectar o proceso electoral", manifestou, antes de incidir en que saben "que é militante desde hai un mes" e de desexarlle "sorte e democracia".

“Antidemocrático”

Outra das edís do PSdeG en Narón, Catalina García abundou en que "non me parece de recibo que as dirección do partido, tanto a nivel provincial como a nivel galego, tomase esta determinación a pedimento do candidato", en alusión a Jorge Ulla, e que "unha persoa que se presenta a unhas eleccións ten que ter capacidade suficiente e formación sen facer unha campaña cunha representación teatral".

Ademais, García detallou que "non hai motivo para saír do Goberno de Narón, non o hai, e saímos obrigados porque así nolo manada a dirección, non estamos de acordo, pero acatamos porque somos xente de partido", sentenciou.

Pola súa parte, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (TeGa), tras o anuncio de que o PSdeG abandona o Goberno bipartito ha atribuído a decisión á "campaña electoral".

Así, remitiuse a que eles mesmos aseguraron que se debe a algo como iso porque tiñan un pacto "que era estábel, obviamente con diferenzas, porque son dous partidos que cada un ten a súa ideoloxía", pero "capaces de poder chegar a un acordo".

Ante este escenario, Ferreiro manifestou que, "ao final, o único partido que vela exclusivamente polos intereses de Naron, é Terra Galega". Así, dixo que "como se ve aquí as directrices mándanas desde arriba, pois hai que cumprila e iso é o único que lle interesa", mentres que TeGa "son o único partido que vela polos intereses dos veciños e así o seguirá facendo".