O PSOE anula as primarias para a selección de candidaturas en Ourense, Ribeira e Narón

O portavoz local dos socialistas en Ourense, Rafael Villarino, deixa o cargo. O militante do PSdeG en Ribeira, Sergio Miranda, afirma que pretendía concorrer ao proceso de selección de cabeza de lista.
O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán León (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán León (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Segundo un documento remitido por Santos Cerdán León, o presidente da Comisión Federal de Listas do PSOE, a José Manuel Laxe Tuñas, o secretario de Organización do PSdeG, a formación socialista tería decidido suspender por unanimidade da comisión correspondente a escolla da elección da persoa candidata como cabeza de lista nos concellos de Ourense, Narón e Ribeira.

En consecuencia, segundo cita o documento, sería “competencia da Comisión Federal de Listas a designación das persoas candidatas para os citados concellos”. Esta información foi corroborada a Nós Diario polo propio Laxe Tuñas.

Rafael Rodríguez Villarino, cabeza de lista dos socialistas nas últimas eleccións municipais en Ourense, comunicou este sábado a súa decisión de non continuar como portavoz local do PSdeG, despois da decisión da dirección do partido de designar como candidato para os próximos comicios ao ex alcalde Francisco Rodríguez, suspendendo así as primarias ás que aspiraba a concorrer o propio Villarino.

Pola súa parte, Sergio Miranda, militante do PSdeG de Ribeira, en conversa con este xornal, sinalou que “levaba moito tempo traballando e convencendo a moita xente para facer crecer o partido” e “tiña pensado concorrer” ás eleccións internas para ser o candidato da formación nas municipais, así como presentar “unha alternativa á secretaría xeral da agrupación local”.

“Suspenden a escolla de persoa candidata porque ao señor José Manuel Suárez-Puerta (actualmente concelleiro do PSdeG no municipio) non lle dan os números”, denunciou o militante socialista, quen apuntou cara a Laxe Tuñas como “culpábel da situación”.

Miranda tamén denuncia que a asemblea de Ribeira do PSdeG decidiu “colocarse totalmente na oposición ao Goberno municipal (do PP)”. Porén, segundo sinala, “o que ocorreu despois foi que todos os acordos que se tomaron se romperon para soster a acción de Goberno do PP”.

Laxe Tuñas explicou a Nós Diario que se trata “dunha decisión soberana que tomamos nos órganos do partido" e que consideran que "no caso destes municipios a mellor forma de resolver a designación da persoa candidata é a través desta formula”.

“Nestes tres casos concretos non haberá sistema de primarias, haberá unha escolla por parte dos órganos que ten o partido”, explicou o secretario de Organización socialista. “Temos un procedemento, eu son membro da Comisión Federal de Listas e isto acontece en tres concellos galegos e en outros moitos do Estado”, afirmou.

“Son uns casos absolutamente excepcionais, temos unhas normas e uns sistemas de designación de candidatos e aplicámolos, sen máis”, concluíu Laxe Tuñas. “Este mesmo sábado demos comezo ao proceso de selección de candidaturas e agora imos a seguir traballando”, rematou.

Comentarios