25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

O PSdeG chama a "protexer a autonomía galega" desde Rianxo este Día da Patria Galega

Acto do PSdeG en Rianxo polo Día da Patria Galega (Foto: PSdeG).
No acto do PSdeG celebrado polo 25 de Xullo en Rianxo participaron varias persoas, entre elas varios membros da dirección galega do partido.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interviu esta terza feira no acto do Día da Patria Galega que os socialistas desenvolven en Rianxo, onde fixo un chamamento a “protexer a autonomía galega das forzas reaccionarias” que foron derrotadas o pasado domingo nas urnas e que que ameazan coa “involución e o retroceso” nos dereitos e nas liberdades acadadas nos últimos anos.

Formoso, acompañado do portavoz municipal dos socialistas rianxeiros, Óscar Rial, depositou a tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao do Paseo da Ribeira, en Rianxo, antes de pronunciar un discurso no cal referendou o compromiso do PSdeG “co progreso e o benestar da nosa terra, e cunha lingua milenaria que temos que protexer e preservar” para transmitila activamente ás vindeiras xeracións.

Do mesmo modo, expresou a “empatía” dos socialistas co autogoberno galego, e coa figura de Castelao, a quen o PSdeG-PSOE “acompañou” na frustrada tramitación do Estatuto de 1936, que non apoiou a dereita, dixo. “Fomos a única forza política que estivo comprometida”, reivindicou Formoso.

O líder do PSdeG tamén aludiu ás eleccións xerais do pasado domingo, e sinalou que a cidadanía “impediu que a extrema dereita volva facerse dona das nosas vidas e decidir o que temos que pensar e o que temos que facer”. Cos seus votos, abondou Formoso, a cidadanía impediu “a involución e o retroceso”, e resaltou que iso é algo que ten que “encher de orgullo e de confianza” a todos os socialistas para afrontar o futuro con máis optimismo.

“Gañou a política útil”, dixo o secretario xeral do PSdeG sobre o resultado electoral. Gañou a política “que fuxe de posicións radicais e traballa por construír un país mellor, dotando de maiores dereitos á maioría social que conforman en gran parte as clases medias e traballadoras”.

"Firme o temón"

Apuntou, en definitiva, que os socialistas axudaron a manter “firme o temón” e a definir “o rumbo de toda Europa”. Hoxe, “os nosos veciños de Francia, de Holanda ou de Alemaña dormen máis tranquilos” sen a ultradereita asentada no goberno español.

No acto do PSdeG celebrado polo 25 de Xullo en Rianxo participaron varias persoas, entre elas varios membros da dirección galega do partido, como o propio Formoso, a vicesecretaria xeral e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o secretario de Organización, José Manuel Laxe, así como o secretario de Política Municipal, Alberto Varela. Tamén estiveron presentes os secretarios provinciais de Lugo, José Tomé, e de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.