O PSdeG acusa a Xunta de "priorizar os que máis teñen" tras anunciar novas "rebaixas fiscais"
A deputada do PSdeG Elena Espinosa advertiu que o anuncio desta sexta feira do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sobre novas "rebaixas fiscais" nos próximos orzamentos da Xunta "confirma unha vez máis que o Goberno de Alfonso Rueda prioriza aos que máis teñen".
"Rebaixas a quen? A quen máis ten, como veñen facendo nos últimos anos?", denunciou Espinosa, quen lamentou que o Executivo galego "baixe impostos aos máis ricos mentres se disparan as listas de espera en sanidade e dependencia, mentres faltan profesores de apoio nos centros educativos, mentres seguen sen cubrirse as prazas de bombeiros forestais e mentres se obriga aos concellos para asumir competencias impropias sen financiamento".
Neste contexto, os socialistas galegos lembran nunha nota de prensa difundida este sábado aos medios que baixar impostos "significa ter menos recursos para quen máis os necesita, o que implica recortar en dereitos e en igualdade de oportunidades".
Nesta liña, acusaron o Goberno de Rueda de "falar de estabilidade económica mentres abandona os servizos públicos e ás persoas máis vulnerábeis".
"Cada euro que deixan de ingresar para favorecer aos máis acomodados é un euro menos para garantir atención médica, dependencia, educación ou servizos municipais. Esa é a súa prioridade: o beneficio duns poucos fronte ao benestar da maioría", concluíron.
