Facenda deixará de ingresar 751 millóns de euros en 2025 polas rebaixas fiscais
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou este sábado que a Xunta da Galiza "prefire deixar de ingresar" en 2025 unha contía de 751 millóns de euros por medidas de beneficios fiscais a contribuíntes, o que supón un incremento de 9,5% a respecto da cifra do ano en vigor —65 millóns máis—.
"Practicamente 90%, en concreto 87,3%, son de carácter social", asegurou o titular da Consellaría sobre estas bonificacións. Así se manifestou na segunda presentación esta semana do proxecto de orzamentos e a lei de medidas fiscais e administrativas que o acompaña, que, após aprobalo o Consello da Xunta na quinta feira, entregoullo este sábado na Cámara galega ao seu presidente, Miguel Santalices.
Neste sentido, Corgos falou dun reforzo "substancial" do importe dos beneficios fiscais, xa que en 2024 este dato ficaba en 686 millóns, e eran 472 en 2021. "Cada ano", dixo, o Goberno galego "tenta" que haxa este aumento. "Nós optamos ou eliximos beneficios fiscais non só polo número de beneficiarios, senón tamén polo incentivo necesario para algúns colectivos", resaltou.
No apartado de rebaixas fiscais, lembrou a que ten a ver con sucesións para familiares colaterais, adquisición de vehículos con determinadas características e as dúas apuntadas na quinta feira: bonificación para compra, construción e rehabilitación de edificios para aluguer e redución dos tipos en operacións de conversión de locais en vivendas.
Este sábado, o conselleiro deu a coñecer tamén outras rebaixas relativas a "operacións internas" que afectan o país e que, sinalou, "tentan rebaixar o custo de promover vivenda pública" polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). "Para que poidan saír a un prezo máis competitivo para os galegos que sexan destinatarios destas vivendas", xustificou.
