O PSdeG acusa o PP de "filtrar" o nome da vítima que denunciou unha agresión sexual de Vilares: "É absolutamente indigno"

"Despois de cinco meses, o nome da denunciante cóntase aos medios apenas 15 minutos despois de que o conselleiro anunciase a súa dimisión. É un intento do PP, ao que sinalamos directamente como responsábel da filtración do nome da vítima, de que se poña o foco na persoa que denuncia", sinalou Torrado.
Intervención de Julio Torrado este sábado 7 de xuño. (Foto: Nós Diario)
Intervención de Julio Torrado este sábado 7 de xuño. (Foto: Nós Diario)

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, sinalou ao PP como "responsábel da filtración" do nome da vítima da suposta agresión sexual por parte do que até esta semana foi conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, tras dimitir ao estar investigado.

"Despois de cinco meses, o nome da denunciante cóntase aos medios apenas 15 minutos despois de que o conselleiro anunciase a súa dimisión. É un intento do PP, ao que sinalamos directamente como responsábel da filtración do nome da vítima, de que se poña o foco na persoa que denuncia", sinalou Torrado este sábado en rolda de prensa.

Neste sentido, a formación socialista alertou de que este feito "pode ser mesmo" constitutivo de delito e é de "indignidade e de inmoralidade" pór o foco na denunciante. "Calquera persoa pode ler e informarse máis sobre a persoa denunciante que sobre a denunciada", subliñou.

"Ese era o obxectivo buscado", continuou Torrado, "distraer o foco", polo na muller que denunciou e apartalo do conselleiro do PP para "salvalo". "Temos que ser conscientes de que non é posíbel admitir esta infamia. A denunciante non é o foco da noticia e o PP provocouno adrede. É o PP quen contou coa denunciante para distraer o foco", remarcou.

A continuación, afeou a "manobra política" do PP neste caso, xa que "sabía cando" recibiría o xa ex conselleiro a notificación do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e "evidenciou" que Vilares, activo en redes sociais habitualmente, "cesou a súa comunicación días antes, de maneira súbdita, antes de que se soubese a noticia".

"Manobrar para elixir o día"

Neste sentido, o socialista acusa o PP de "manobrar" para "elixir o día" no que se publicaba e escolleuno porque o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tivo "o tempo xusto" para presentar unha nova conselleira e "tentar pasar páxina e irse toda a fin de semana, para non responder, non estar na Galiza".

"O PP pensou en clave de impacto político e pensou en clave de impacto electoral, nunca en clave da gravidade do caso. A iso, súmase a avalancha indigna de todos os dirixentes do PP que non tiveron nin unha soa palabra sobre a denunciante, como si a teñen noutros casos", lamentou.

Torrado cargou contra o "intento do PP" de "converter nun heroe" a Alfonso Vilares, que "non dimite por dignidade" xa que, "se a conciencia fose a que ditase a súa dimisión, teríao feito no momento no que foi denunciado". "Non dimite para renunciar ao seu aforamento, como dixo, porque o seu aforamento utilizouno no primeiro día para atrasar o caso, para que tivese que chegar ao TSXG e durante eses cinco meses esperar a un arquivo que non chegou", subliñou.

O PSdeG criticou que Rueda "agachou no seu Goberno" a un (presunto) "agresor sexual" durante cinco meses. "Preguntámonos se hai algún outro conselleiro, ou alto cargo da Xunta que tivese algún tipo de denuncia que poida afectar á súa función e Rueda tamén os escondeu", sentenciou Torrado.

Comentarios