Pontón afirma que "Rueda ten que explicar ás mulleres deste país por que encubriu un presunto agresor sexual durante meses"

"A Conferencia de Presidentes volveu demostrar a incapacidade do xefe do Executivo para defender Galiza e súa submisión ao PP de Madrid", sinalou a líder do BNG.
Intervención de Ana Pontón no Consello Nacional do BNG deste sábado 7 de xuño. (Foto: Arxina)
Intervención de Ana Pontón no Consello Nacional do BNG deste sábado 7 de xuño. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu a comparecencia no Parlamento galego do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para “explicar ás mulleres deste país por que calou e encubriu un presunto agresor sexual durante meses”. Fíxoo despois da reunión do Consello Nacional da formación este sábado en Santiago, nunha semana marcada pola noticia da dimisión do conselleiro de Pesca, Alfonso Vilares, tras ser denunciado por agresión sexual.

“Pedimos que compareza de inmediato para explicar o seu silencio cómplice, por encubrir un presunto agresor sexual, promover a impunidade e desprotexer a vítima. Ten que dar a cara, explicarse e pedir desculpas”, reclamou a líder nacionalista, que cualificou a imaxe “do seu efusivo abrazo cun presunto agresor sexual de “esperpento” e un “insulto” para todas as vítimas de violencia machista e para todas as mulleres deste país. “Mulleres ás que lles manda unha mensaxe demoledora: ante unha denuncia por agresión sexual, o presidente da Xunta ponse do lado do presunto agresor e ignora a vítima”, criticou.

“Non contento co seu silencio cómplice, Rueda e o seu Goberno fecharon filas co presunto agresor, ao que despediron con todos os honores,  entre abrazos e aplausos, mentres ignoraban e desprezaban a vítima, cuestionando a veracidade da súa denuncia”, criticou.

Pontón quixo comezar a súa intervención ante os medios manifestando a súa solidariedade, respecto e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero que non calan diante dunha agresión machista, moi especialmente á muller que denunciou o xa ex conselleiro. “Sabemos que non é fácil, e menos cando a quen se denuncia é membro do Goberno e amigo persoal do presidente”, indicou.

A líder do BNG alegou que a violencia machista “non é unha cuestión privada” senón “un problema social que nos interpela a todos e a todas, e non imos permitir que se cuestione o dereito das mulleres a denunciar nin a que se impoñan os discursos negacionistas”. Neste sentido, pediu que a Xustiza actúe “até as últimas consecuencias” e “respecto” para que non se produza unha revitimización. “Onde hai que pór o foco é no presunto agresor”, puntualizou.

Amosou o seu “respecto máximo” á presunción de inocencia e asegurou que “o amigo do señor Rueda ten todo o dereito a defenderse”, mais que  “ao que non ten dereito é a usar a sede do Goberno galego para facelo, ao que non ten dereito é a ser despedido entre aplausos polo mesmo Goberno que ten a obriga legal e moral de protexer as mulleres contra a violencia machista”, recalcou. “Galiza merece moito máis que un presidente que abraza un presunto agresor sexual e que ten a mentira como método de goberno”, asegurou.

"Un presidente submiso a Madrid e que despreza idioma"

Pontón fixo estas declaracións nunha semana na que tamén tivo lugar en Barcelona a Conferencia de Presidentes, encontro do que destacou a “incapacidade” de Rueda para “defender os intereses da Galiza” e a “actitude submisa” e de “mero peón” do PP de Madrid.

“Vimos un Rueda incapaz de defender os intereses dos galegos e das galegas, que foi a Barcelona recitar o argumentario de Xénova, a repetir as consignas partidistas. Nin unha soa proposta para este país:, nada para ter a chave dos nosos cartos, nada sobre vivenda, nada de como reforzar os servizos públicos, nada de como dar futuro á xente moza”, recriminou.

“E por suposto, nada para a lingua galega, ao contrario, volveu desprezala”, acusou, recalcando que, ao contrario que Rueda, que alegou que “non era adecuado” falar en galego, os presidentes de Catalunya e Euskadi si usaron as súas linguas propias. “O PP non só bota de menos o franquismo industrial, tamén o franquismo lingüístico da España rancia”, afirmou.

Afeou ao presidente da Xunta que considere que o PP está sempre por diante da Galiza, e por iso, engadiu, “estará mañá en primeira fila na manifestación convocada polo PP en Madrid, compartindo pancarta con M. Rajoy, que saíu do Goberno despois de que o PP fose condenado por corrupción, ou con Feixoo que fala de mafia. Creo que, co seu álbum, debería ser un pouco máis precavido”, suxeriu.

"Un PP incapaz de condenar o xenocidio"

Pontón tamén cuestionou a presenza de Rueda na manifestación por “compartir pancarta co señor do trío dos Azores, quintaesencia dese PP belicista que hoxe apoia o Estado terrorista de Israel, incapaz de condenar o xenocidio do pobo palestino” despois de seren asasinadas máis de 50.000 persoas, 15.000 delas, nenos e nenas inocentes. “Mais o PP segue ao lado de Netanyahu e do seu Goberno criminal. É unha vergoña”, expresou.

Aproveitou tamén para criticar a resposta da comunidade internacional ante este xenocidio por non “estar á altura da mínima decencia política” a non pasar dunha “morna declaración de condena, sen ningunha acción para frear o exterminio de todo un pobo”, lamentou. “Desde o BNG dicimos paz para Palestina. Abonda xa de guerras imperialistas”, arengou. 

"O PP máis ultra, antidemocrático e antigalego da historia"

Na súa intervención, a líder do BNG arremeteu contra o PP “máis ultra, antidemocrático e antigalego da historia”, que está levando Galiza “contra as rochas” porque o único que lle ofrece é a “bomba ambiental” de Altri, a macrominaría contaminante e o espolio eólico.

Indicou tamén que “estamos ante un PP que fixo do bulo e da mentira a súa maneira de gobernar, que despreza e insulta os e as galegas que non tragan coas súas rodas de muíño; que fixo dos medios públicos o seu aparato de propaganda; que oculta información ao Parlamento e que concede miles de contratos a dedo ás súas empresas amigas”.

A líder do BNG manifestou, en definitiva, que “estamos ante un PP ultra que quere traer a Galiza a lameira e a crispación política de Madrid. Até ese punto abraza Rueda o centralismo”, puntualizou. “Fronte este PP antigalego, desde o BNG actuamos como un auténtico goberno alternativo na defensa da Galiza, defendendo á xente do rural e do mar, defendendo a sanidade pública; defendendo o dereito a unha vellez digna, defendendo que noso monte non pode ser un eucaliptal e un polvorín en pleno cambio climático, defendendo que Galiza precisa industria sostíbel, innovadora e tecnolóxica e defendendo que temos dereito a decidir nós sobre o noso”, subliñou.

Un BNG, continuou,  “forte, sólido e robusto”, cun Rueda “cada día máis nervioso, facendo de oposición, nervioso porque sabe que a tendencia é que un BNG que sube mentres o PP baixa. Nervioso porque ten diante unha alternativa real que cada día suma máis apoio social, porque cada vez son máis os galegos e as galegas que ven no BNG a ferramenta para pór en macha unha Galiza mellor para todos e todas, unha Galiza na que poder facer realidade os nosos soños e, desde logo, unha Galiza de mulleres libres e iguais”, rematou.

Comentarios