O PSdeG acusa ao PP de tratar "como números" o alumnado con necesidades especiais
Lara Méndez reclama en Viveiro un plan de choque para facer fronte á falta "estrutural" de profesorado de apoio e denuncia unha xestión do ensino público "sen alma" por parte do PP.
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, acusou este sábado o PP e o Goberno galego de tratar "como meros números" os rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais, cunha política que, ao seu xuízo, atenta contra os dereitos do alumnado máis vulnerábel. Méndez participou nunha concentración decorrida en Viveiro (A Mariña) con motivo do Día Internacional da Educación, convocada para reclamar máis recursos humanos e unha educación verdadeiramente inclusiva.
A dirixente socialista reclamou a posta en marcha dun plan de choque inmediato para paliar a falta "estrutural" de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) nos centros educativos de toda Galiza. Segundo advertiu, esta situación non é puntual, senón que responde a unha "estratexia deliberada de desmantelamento do ensino público por parte do PP", que está a xestionar a educación "en contra dos dereitos dos nenos e nenas que máis apoio precisan".
Lara Méndez denunciou que a Xunta da Galiza está a deixar sen garantías mínimas moitos alumnos e alumnas con necesidades específicas de apoio educativo, impedíndolles acceder ás mesmas oportunidades que o resto do alumnado. Neste sentido, acusou ao Executivo galego de "traspasar os límites da ideoloxía" e de amosar unha "perigosa falta de humanidade" cara ás crianzas máis vulnerábeis.
A socialista tamén criticou a "hipocrisía política" do PP e da Consellaría de Educación, que, segundo dixo, presume dunha estratexia de inclusión educativa ao tempo que reduce ou elimina profesorado de PT e AL nos centros e rexeita no Parlamento todas as emendas aos orzamentos e iniciativas destinadas a reforzar estes recursos. "De nada serve un discurso oficial fale dun ensino á altura das necesidades individuais dos alumnos e alumnas con atención á diversidade e defendendo unha inclusión educativa real cando á hora de asinar os recursos deixan aos centros educativos sen os recursos humanos mínimos imprescindíbeis", subliñou.
Durante a súa intervención, Méndez advertiu de que estas carencias afectan a todo o territorio galego, "de norte a sur e de leste a oeste", e non só a casos illados. Citou como exemplo o CEIP Covas de Viveiro, así como centros de Forcarei, Cerdedo, Santiago, Ponteareas, O Porriño e Vigo, entre outros, nos que denunciou a retirada ou ausencia de profesorado de apoio especializado.
Finalmente, lembrou que a Xunta ten as competencias exclusivas en materia educativa e, polo tanto, a obriga de garantir un ensino público de calidade sen discriminacións. Neste sentido, exixiu ao Goberno galego un compromiso "claro e decidido" coa atención á diversidade e cunha inclusión educativa real que permita desenvolver ao máximo as capacidades, aptitudes e personalidade de cada menor.

