O profesor Ángel Miramontes releva en Patrimonio Cultural a Martínez Insua, cuxo cesamento Rueda desliga de Altri

A preguntas dos medios, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, desligou a renuncia de Martínez Insua do informe que asinou sobre o proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei (A Ulloa), no que, entre outras cuestións, validaba a idea da empresa de converter a cheminea, de 75 metros, nunha icona incorporando cores e elementos decorativos.
Ángel Miramontes. (Foto: Santi Alvite)
Ángel Miramontes. (Foto: Santi Alvite)

O profesor do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ángel Miramontes Carballada será o novo director xeral de Patrimonio Cultural e relevará María del Carmen Martínez Insua, que levaba 12 anos no cargo e cuxo cesamento autorizou tamén esta segunda feira o Consello da Xunta.

A preguntas dos medios, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, desligou a renuncia de Martínez Insua do informe que asinou sobre o proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei (A Ulloa), no que, entre outras cuestións, validaba a idea da empresa de converter a cheminea, de 75 metros, nunha icona incorporando cores e elementos decorativos.

Rueda, quen agradeceu os servizos prestados por Martínez Insua, asegurou que se trata dun cesamento "a petición propia". "Levaba 12 anos e ten todo o dereito do mundo para descansar", defendeu o presidente do Goberno galego.

A continuación, engadiu que, aínda que sería ela a que tería que "contestar" sobre os motivos da súa marcha, asegurou que el está "absolutamente seguro de que non ten ningunha relación" co informe de Altri.

"Por todo o que a min me chega, simplemente era un dereito para ter novas actividades, sen ter nada que ver coa tramitación de ningún expediente, nin de Altri, nin nada máis", sentenciou o líder do Executivo galego.

Finalmente, insistiu en que foi "unha magnífica directora, que fixo un gran traballo". Manifestou ademais o seu desexo de que o seu sucesor "siga mantendo esa liña" e mesmo a "mellore" se é posíbel. "Sempre digo que hai que aspirar a que os que veñan detrás melloren o que fixeches", resolveu.

Doutor en Xeografía

Miramontes é doutor en Xeografía pola USC, experto en Sistemas de Información Xeográfica e especialista en Ordenación e Planificación Territorial. Ademais, até o de agora exercía como profesor no departamento de Xeografía da USC, dirixía o Centro de Estudos Eurorrexionais da Galiza-Norte de Portugal e formaba parte do grupo de investigación de Análise Territorial do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza.

A Xunta da Galiza subliñou que asume este departamento co obxectivo de "seguir avanzando na posta en valor dos bens máis singulares, alcanzar o máximo recoñecemento da Unesco para A Ribeira Sacra, avanzar na execución do 'Plan Catedrais da Galiza', fomentar o respecto polo patrimonio, e estabelecer novas follas de ruta dirixidas a garantir a conservación de bens e monumentos de todo o territorio.

Comentarios