PP, Vox, Junts e UPN tomban a suba das pensións e a prohibición de despexos a persoas vulnerábeis

O Goberno español comeza o 2026 con mal pé após o 'non' desta terza feira, 27 de xaneiro, do Congreso ao seu decreto 'ómnibus' e, por tanto, á suba das pensións. O PP, Vox e Junts votaron en contra mentres que o BNG votou a favor, aínda que con críticas ao decreto. Traballo, aliás, blindou a suba do SMI e as empresas non poderán reducir os salarios. 
Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira 27 de xaneiro no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira 27 de xaneiro no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español comeza 2026 cun sabor de boca agridoce ao non contar cos apoios suficientes para sacar adiante o decreto ‘ómnibus’ e de ‘escudo social’ que se votou esta terza feira, 27 de xaneiro, nun pleno extraordinario no Congreso dos Deputados. Unha sesión plenaria que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas das traxerias ferroviarias de Adamuz (Andalucía) e de Gelida (Catalunya) e mais por Victoria, muller asasinada por violencia machista en  Málaga o sábado pasado.

O pleno comezaba xa co decisivo 'non' adiantado por Junts a un decreto que incluía varias medidas sociais como a revalorización das pensións e a prohibición de desafiuzamentos e de cortes de auga e luz para persoas vulnerábeis. E seguindo o guión, o PP, Vox e Junts impediron cos seus votos a convalidación destas medidas. As críticas da formación catalá e dos populares baseábanse especialmente na decisión do Goberno de Pedro Sánchez de votar en conxunto todas estas propostas no canto de tramitalas e sometelas a votación por separado. 

O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, na súa intervención para defender a proposta, destacou unha serie de "fitos históricos" en materia económica que se conseguiron durante estes anos: "O Goberno español demostrou nos últimos anos que apoia a súa acción nunha dobre convicción, aproveitar e fomentar o crecemento económico e facelo sen deixar a ninguén atrás. Os datos avalan este éxito. A Seguridade Social ten o maior números de afiliados da historia, perto dos 22 millóns", dixo, fechando a súa intervención sinalando aos grupos que votaron en contra: "Na súa man está beneficiar millóns de persoas que os fixeron deputados e deputadas ou facerlles dano ao votar 'non' a este real decreto lei". 

O Partido Popular, pola súa parte, criticou que "este decreto lei non era por unha urxencia de Estado, senón por unha urxencia do Goberno". O seu deputado por Sevilla Juan Bravo Baena cuestionou que o decreto abarcase moitas medidas e sinalou que o Partido Popular está a favor dunhas, mais en contra doutras: "Estamos a favor de que se revaloricen as pensións e os únicos que poñen en perigo esa revalorización son vostedes. Se queren revalorizalas, permitan que a nosa proposición de lei se vote; utilizar os pensionistas como reféns é a súa decisión", afirmou, apuntando a Bolaños. 

Na mesma liña, a portavoz parlamentaria de Junts, Míriam Nogueras, criticou que se xuntasen todos estes temas "coa ocupación" –en alusión á medida relacionada coa prohibición de despexos de persoas vulnerábeis– e denunciou, ademais, o "colapso" de Catalunya "en mas de socialistas e dos seus socios". Pola contra, apoiaron o decreto, alén do PSOE e de Sumar, o BNG, Podemos, ERC, PNV, EH Bildu, Coalición Canaria e UPN. Desde Sumar, Aina Vidal afeou a posición do PP e de Vox ante o decreto 'ómnibus': "O que sostén a vida son os servizos públicos. Cando as pensións se revalorizan significa seguridade vital. Cando impedimos que ninguén quede sen luz nin auga por non poder pagar non é un privilexio, é un dereito". 

O BNG pide revalorizar  as pensións co IPC

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comezou a súa comparecencia cargando contra o PSOE e mostrouse crítico co decreto a pesar de apoialo: "O BNG rexeita a demagoxia do PP mais tamén advirte da tendencia ás medias tintas do PSOE. Somos críticos con este real decreto lei porque incorpora medidas necesarias, mais insuficientes, e porque continúan a ser medidas temporais para tentar paliar problemas que realmente son estruturais”. Destacou, ademais, que "hai que revalorizar as pensións, mais hai que facelo en base ao IPC real interanual para evitar que perdan poder adquisitivo", así como tamén "subir máis as pensións mínimas e as non contributivas" e mais que o SMI se sitúe en 60% do salario medio. Porén, afeou, "ao PP todo o que sexa unha suba de máis de 0,25% xa lle parece un exceso" e que subir o salario mínimo, a ollos dos populares, dixo, supón "arruinar o empresario". Rego lembrou ademais que Galiza "ten unha das pensións máis baixas de todo o Estado".

Como quedan agora as pensións?

A revalorización das pensións contributivas de 2,7% deixará de ser efectiva a partir de febreiro.  A pensión media de xubilación en decembro de 2025 na Galiza era de 1.133,09 euros. Deste modo, perderase a actualización media de 30,59 euros mensuais en 14 pagas do mes de xaneiro, o que suporá ao redor de 428,26 euros adicionais ao ano menos. No que respecta as pensións mínimas, deixa de ter efecto a revalorización do 7% para as que non teñen cargas familiares, así como o 11,4% para as que teñen cónxuxe a cargo, as pensións de viuvez con cargas familiares ou as pensións non contributivas. O Goberno español terá que concretar, por outro lado, a cota de autónomos –e os posíbeis incentivos fiscais– para este 2026.

'Blindar' o SMI

Debido ao decaemento do decreto, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Diaz, anunciou esta terza feira, 27 de xaneiro, que xa hai un ditame para blindar o salario mínimo interprofesional (SMI) tras tombar a dereita a súa prórroga. Ademais, o Goberno español recordou que as empresas non poden baixar o salario mínimo dos contratos xa vixentes malia este 'non' do Congreso.

Comentarios