O PP veta unha moción para impulsar a teleasistencia a maiores

Un traballador sanitario traslada unha persoa anciá nas inmediacións da residencia de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Oito de cada dez prazas residenciais e seis de cada dez centros de día na Galiza son privados, e a teleasistencia apenas atende 8.370 persoas, nun país onde 122.731 persoas maiores de 65 anos viven soas.

A maioría de escanos coa que o PP conta no Parlamento galego impediu que esta terza feira, 9 de novembro, prosperase unha iniciativa na Cámara para mellorar o modelo de coidados, especialmente os destinados á dependencia, co reforzo do Servizo de Atención no Fogar, ampliando o seu financiamento pola Xunta, así como os tipos de coidados e horas do servizo, e despregando ao mesmo tempo un plan de inspección para garantir o cumprimento dos dereitos laborais e salariais das traballadoras deste servizo. 

Así constaba nunha moción presentada pola deputada Olalla Rodil (BNG), que tamén defendía a ampliación da rede de centros de día e residencias públicas, priorizando os concellos e comarcas que non contan na actualidade con este servizo e mudando o actual modelo residencial cara a un baseado "en máis persoal de atención directa, centros de menor tamaño, unha maior integración sociosanitaria e unha maior participación de residentes e familiares nos órganos de xestión".   

A estes dous eixos, Rodil engadiu un terceiro: o despregue real e efectivo da teleasistencia como recurso fundamental e co obxectivo de dar cobertura progresivamente ao conxunto das persoas maiores de 65 anos que viven soas e non só como formula o Goberno español, ás de grao de dependencia. 

Trátase de ir implementando “un modelo de coidados máis humano e, sobre todo, máis público, que garanta o dereito á autonomía persoal e a unha vellez digna, para que non volvan ser nunca máis un negocio”.

Rodil criticou o modelo asistencial do PP por facer que "oito de cada dez prazas residenciais na Galiza sexan privadas, seis de cada dez centros de día sexan privados e que a  teleasistencia apenas atenda as 8.370 persoas nun país en que hai máis de 65.200 con algún grao de dependencia e 122.731 persoas maiores de 65 anos que viven soas".

Vacinación indebida

O Partido Socialista instou o PP a retirar o seu apoio á alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, por empregar o seu “cargo de influencia” para vacinarse da Covid-19 sen pertencer a ningún grupo de poboación vulnerábel.

Así o pediu o deputado do PSdeG, Julio Torrado, no debate dunha moción no pleno do Parlamento galego de rexeitamento das vacinacións indebidas e na que os socialistas pedían contratar 200 profesionais de enfermaría adicionais para o plan de vacinación. A moción foi rexeitada polo PP. Torrado puntualizou que “estamos agardando que o PP diga que a alcaldesa de Boimorto debe dimitir”, e lembrou que por moito que Novo teña causado baixa no partido, o PP municipal segue a apoiala á fronte do Concello.