Parlamento

O PP tomba unha proposta para "visibilizar" as mulleres do mar

Unanimidade dos grupos para recoñecer doenzas profesionais.
Cinco mariscadoras traballando en Arcade (Soutomaior), na ría de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mariscadoras traballando en Arcade, Soutomaior, na ría de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O PP impediu esta terza feira co seu voto en contra que saíra adiante na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego unha proposición non de lei do BNG, que tivo o apoio do PSdeG, a través da que se instaba a Xunta da Galiza a "iniciar accións de visibilización das mulleres no sector do mar e a alcanzar unha verdadeira igualdade entre homes e mulleres".

A deputada do BNG Carmela González reclamaba no texto unha maior presenza de mulleres no Consello Galego de Pesca. Na súa intervención, criticou que após tres anos de debates na Cámara galega para camiñar cara á igualdade real entre homes e mulleres no sector do mar, “non temos avanzado” e  logo dun acordo “por unanimidade” para a posta en marcha do Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro, tampouco se avanzou “nada”.

Patricia Otero, PSdeG, lamentou que das 63 confrarías existentes na Galiza só en tres delas haxa á fronte unha muller e recriminou ao PP "non querer avanzar en igualdade". Pola súa parte, Elena Suárez (PP) afirmou que a Xunta "prioriza" as políticas contra a discriminación de xénero e dixo que "as galegas ano tras ano reforzan a idea de que queren ser gobernadas polo PP". A maioría do PP tamén tumbou unha proposición do PSdeG que pedía o "pago inmediato" das axudas polo paro do libre marisqueo.

Unanimidade

Na Comisión de Pesca e Marisqueo lográronse tres acordos por unanimidade. Un delas, a instancias do BNG, para instar  a Xunta a "trasladar ao persoal facultativo do Sergas e das mutuas de traballo a relación de enfermidades que están recoñecidas como profesionais no sector do mar e a máxima importancia de tratalas como tales". Outra, presentada polo PSdeG, insta a protexer a actividade da pesca galega con artes de fondo ante as políticas que pretende aplicar a Comisión Europea neste ámbito. E a terceira, do PP, pide ás Administracións "impulsar iniciativas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar".

Comentarios