O PP “sondeará” unha moción de censura en Malpica após a ruptura do Goberno local

A saída do Goberno de Malpica do concelleiro non adscrito (anteriormente de Ciudadanos) abre as portas a que o PP presente (co seu apoio) unha moción de censura contra o Goberno municipal do PSdeG e BNG. “Estou aberto a todo”, di o edil que vén da abandonar o Executivo.

Malpica de Bergantiños (Foto: Europa Press)
photo_camera Malpica de Bergantiños (Foto: Europa Press)

A ruptura do goberno local do Concello de Malpica de Bergantiños co abandono do concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo -electo por Ciudadanos en 2019 e agora líder de Alternativa dos Independentes de Malpica- abre a porta á posibilidade de que o PP presente unha moción de censura para desbancar da Alcaldía o socialista Walter Pardo, quen acusa ao dimisionario de perseguir "intereses persoais" coa súa saída do Executivo.

O portavoz popular e ex rexedor, Alfredo Parga, admitiu, que "sondarán" a posibilidade de presentar unha moción de censura contra o actual alcalde, que sairía adiante no caso de que Cañizo apoie os edís do PP, xa que o seu voto serve de bisagra entre a suma dos concelleiros de PSOE (4) e BNG (2) e os seis que teñen os populares.

O edil non adscrito e líder de Alternativa dos Independentes de Malpica, Alfredo Cañizo, confirmou esta quinta feira, 12 de agosto, a súa saída do executivo local. Un paso que di tomar tras meses de meditación e que atribúe á "parálise" do municipio e ao "ninguneo" que denuncia sentir por parte do rexedor, quen replica acusando Cañizo de perseguir "intereses persoais" e de querer "escapar das normativas dos procedementos administrativos legais".

Nas eleccións municipais do 26 de maio de 2019, o PP perdeu a maioría absoluta ao retroceder un edil e quedar en seis. O PSOE foi a segunda forza máis votada, con catro edís, mentres que o Bloque obtivo dous representantes e Cs un.

O acordo entre socialistas, nacionalistas e Cañizo permitiu a conformación dun Goberno de coalición encabezado polo rexedor Walter Pardo (PSOE) e no que o edil electo por Cs asumiu as áreas de seguridade cidadá, tráfico, servizos, medio rural e turismo.

De feito, o apoio de Cañizo ao acordo de Goberno entre PSOE e BNG supuxo a apertura dun expediente por parte da dirección do partido laranxa que terminou coa revogación da súa condición como militante da organización pola que se presentou á Alcaldía de Malpica no ano 2019.

"No canto de ser un socio eu era tratado como un inimigo", asegurou o concelleiro non adscrito, que exculpa o BNG das "malas" relacións dentro do equipo de Goberno e centra as súas críticas no rexedor.

Así, sostén que o alcalde "ordenaba" nas áreas que lle correspondían a el dentro do Executivo municipal, como a Policía Local; algo que cualifica de "despropósito" e que o levou a meditar "desde hai un ano e medio" a súa saída do Goberno.

"Teño que facer o que me dita o corazón e a cabeza, e actuar polo benestar dos veciños de Malpica", incidiu Cañizo, que afirma manter conversacións con "directivos do PSOE" para "tentar endereitar o barco" dun municipio que, denuncia, "perdeu o rumbo" e está sumido "na inoperancia".

Pola súa banda, o portavoz popular Eduardo Parga emprazou a coñecer en detalle os motivos da decisión de Cañizo "e o que pretende" coa súa saída do Goberno antes de pronunciarse sobre unha eventual moción de censura. "Aínda é cedo", apostilou.

Con todo, Parga, alcalde de Malpica entre 2011 e 2019, recoñeceu que a súa formación quere "facer o necesario para dar estabilidade" ao concello bergantiñán, algo que, segundo denuncia, non se deu co Executivo de coalición entre socialistas, Bloque e o concelleiro non adscrito.

"Se hai algún tipo de posibilidade, sondarase", recoñeceu Parga, que, tras reivindicar a condición do seu partido de forza máis votada nas últimas municipais, lembrou que, entón, Cañizo decantouse polo pacto con PSOE e BNG tras as eleccións da primavera de 2019, cando a súa posición, como ocorre agora, servía de chave para a gobernabilidade da corporación.

Cañizo está aberto a todo

"Estou aberto a todo", afirma, pola súa banda, o concelleiro non adscrito, que remarca que ao longo dos seus anos en política "sempre estivo aberto a dialogar con todo o mundo" e que continuará con esa filosofía tras a súa despedida do Goberno local, unha decisión da que sostén que non vai "dar marcha atrás".

Comentarios