O PP ridiculiza a manifestación convocada por Queremos Galego
“Só queren manifestacións e alboroto”, afirma Elena Candia nun vídeo difundido nas redes sociais.
Logo de que a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, instara na quinta feira o PSdeG e o BNG a "deixar tranquila" a lingua galega, a "Dragon Ball", ás "ondas vitais" e sobre todo, a "parar de contar bólas" sobre o idioma dos galegos e as galegas, sumouse tamén ás criticas a súa compañeira de partido e vicepresidenta primeira do Parlamento da Galiza, Elena Candia.
Nun vídeo publicado nas redes sociais do partido Candia enumera as “sete bólas” do PSdeG e do BNG —en alusión ao lema da manifestación convocada por Queremos Galego, ‘Lingua vital xa!’, e lembrando que a palabra bóla tamén significa, segundo a RAG, “mentira”—. Entre elas, a vicepresidenta do Parlamento indica que ás formacións socialistas “non” lles interesa a lingua galega: “Só queren manifestacións e alboroto”.
Critica tamén que o BNG fale “nun manifesto de combater o bilingüismo” ou que “boicotearan todos os intentos de diálogo e de pactos” coa Xunta da Galiza. Afirma tamén Candia que o BNG quere “expulsar o castelán do ensino cando só 1% dos galegos está de acordo”.
Lembra ademais a postura do BNG de Lugo, que se opón a “honrar Xesús Alonso Montero como fillo predilecto” do concello, algo que para a deputada do PP significa que o BNG non “honra os impulsores do galego”.
Candia pon en dúbida a independencia de Queremos Galego. “É un satélite do BNG, e o PSOE vai ás súas manifestacións”, afirma. E, finalmente, a última bóla é que “a maioría dos galegos pensan coma eles”, algo que a vicepresidenta do Parlamento nega achegando os datos dunha enquisa encargada pola Xunta da Galiza a Sondaxe e que obvia a crise do galego que certificou o IGE.
“Agora que reunín as sete bólas toca pedirlle un desexo ao dragón. Desexo que PSOE e BNG deixen a lingua galega tranquila”, conclúe Candia.

