O PP rexeita solicitar novas competencias para Galiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)

A Xunta considera que antes de pedir novas competencias para Galiza, é preciso que o Estado financie aquelas coas que xa se conta. Pospoñen así o avance do autogoberno galego, logo de que durante os 12 anos dos Executivos de Núñez Feixoo non se lograse ningunha nova transferencia.

Logo de que durante os 12 anos de Goberno de Alberto Núñez Feixoo non se lograra ningunha nova transferencia de competencias do Estado á Galiza, a Xunta considera agora que antes de pedir novos traspasos é preciso que o Estado financie aquelas coas que xa se conta. 

Así, conxelando de novo o desenvolvemento competencial do autogoberno galego, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, dixo esta cuarta feira, 28 de abril, no Parlamento galego que a Galiza ten hoxe en día prioridades que reclamar ante o Goberno estatal. 

Referiuse así a cobranza da débeda do IVE do ano 2017, os compromisos pendentes coas infraestruturas, o apoio ao tecido industrial e produtivo e a mellora dos servizos públicos do Estado na Galiza.

Así respondeu ao deputado do BNG Luís Bará, que emprazou a reclamar as transferencias pendentes e criticou que o Executivo de Feixoo fora "incapaz" de conseguir "unha soa transferencia" fronte ás "14 do bipartito -do PSdeG en BNG- en catro anos -de 2005 a 2009-".

Ademais, cualificou de "fracaso, calamidade, desastre e pura incompetencia" a xestión dos 12 anos dos Gobernos de Feixoo. 

O PSdeG pide 30 traspasos

Na sesión plenaria, os votos en contra do PP impediron que saíse adiante unha proposición non de lei coa que o PSdeG volvía pedir que a Xunta reclamase 30 novas competencias que o viceportavoz socialista, Pablo  Arangüena, cualificou de "razoábeis, razoadas e perfectamente viábeis".

A iniciativa replicaba unha petición de transferencias que os socialistas presentaran hai dous anos para "avanzar no modelo autonómico" con base nun “federalismo dinámico” pedindo a xestión de materias como tráfico, inspección laboral, litoral, dominio público marítimo–terrestre ou a demarcación xudicial, entre outras.