O PP retrocede: ve "independentista" que Galiza teña as competencias de tráfico que Fraga xa reclamara en 2005
Os votos do PP rexeitaron hoxe que o Parlamento da Galiza inste a Xunta a reclamar do Estado español a transferencia de competencias en materia de tráfico e a creación dunha Policía galega, como teñen Catalunya e Euskadi. O BNG levou ao pleno unha Proposición de Lei "en beneficio das galegas e os galegos non contra ningún goberno nin colectivo", explicou o deputado nacionalista Iago Tabarés.
Diante das críticas ao BNG da deputada do PP Paula Prado no debate desta iniciativa, Tabarés lembroulle á bancada popular que o texto desta iniciativa "foi avalado nesta Cámara por deputados como Xesús Palmou, Manuel Ruíz Rivas ou Pedro Pui -todos eles do PP- e mesmo coincide cun acordo do Consello da Xunta do 26 de febreiro de 2005 –con Manuel Fraga de presidente– que fixaba 680 axentes da Garda Civil integrados nun novo corpo de Policía Galega, cun total de 1.500 efectivos dos que 700 estarían asignados a labores de tráfico. "Era Fraga quen o dicía, non o BNG", espetou Tabarés á bancada popular, que finalmente tombou cos seus votos a iniciativa do BNG. Pola súa parte, o PSdeG e Democracia Ourensá votaron a favor da iniciativa nacionalista, desbotada finalmente por 39 votos en contra e 35 a favor.
O debate parlamentario da iniciativa do BNG provocou a presenza tanto dentro como fóra do Pazo do Hórreo de axentes da Policía española e da Garda Civil contrarios á creación dun corpo galego de policía e á transferencia das competencias en materia de tráfico. Fóra do Parlamento, un grupo de axentes da Confederación Española de Policía (CEP) e da Asociación Pro Garda Civil (Aprogc) amosaron o seu rexeitamento a estes cambios.
O secretario rexional da CEP en Galiza, Agustín Vigo, dixo en declaracións aos medios que "levamos máis de 200 anos nesta terra. Facemos o noso traballo de forma moi boa, somos unha das institución máis valoradas pola cidadanía e non entendemos esta manía de desmantelar as institucións do Estado". O portavoz da Asociación Pro Gardia Civil, Héctor Teixeira, dixo que a iniciativa parlamentaria ataca "a profesionalidade" dos axentes da Garda Civil por reclamar un corpo de policía autonómico, "cando xa existe un estatal como a Garda Civil".
Debate bronco na Cámara
A deputada do PP Paula Prado subiu ao estrado para defender o "non" do seu grupo a esta iniciativa do BNG usando argumentos como Bildu ou os axentes asasinados por ETA. Tamén acusou o deputado socialista Carlos López Font de ser un "soldado de Pedro Sánchez". Anunciou que a Xunta da Galiza está a negociar co Ministerio do Interior o aumento de efectivos policiais e xulgados no país, un acordo que "agardo que produza esta semana ou a que vén".
A resposta do deputado do BNG foi lembrarlle a Prado que o seu propio partido defendía no 2005 este mesmo traspaso de competencias e criticou que "tamén Aznar no 1997 deulle isto mesmo a Catalunya, así que nós queremos para Galiza o mesmo que o PP lle deu a Catalunya". Criticou Tabarés que o PPdeG é "o máis antigalego da historia", en cuestións "a persecución do idioma ou a renuncia unha quita da débeda de máis de 4.000 millóns de euros conseguida polo BNG".
Cando o PP daba luz verde ao traspaso de tráfico
Iago Tabarés lembrou a Prado que o seu propio partido defendía no ano 2005 este mesmo traspaso de competencias e criticou que "Aznar en 1997 deu isto mesmo a Catalunya, así que nós queremos para Galiza o mesmo que o PP deu a Catalunya". Criticou Tabarés que o PP da Galiza sexa "o máis antigalego da historia".
Mais a hemeroteca tamén sinala que os populares se abstiveron ante unha iniciativa semellante presentada polo BNG en 2019. Saíra adiante cos votos a prol de socialistas, nacionalistas e En Marea. Pese a darlle luz verde, a poucas horas de ter que permitir a súa tramitación no Parlamento, o PP mudou de postura -tras as críticas de Vox e de asociacións de gardas civís- e bloqueouna.
Con todo, era 2019 a segunda vez que o Parlamento da Galiza aprobaba reclamar esta competencia: xa en 2008 todos os grupos, incluído o dos populares, apoiaban unha proposición neste sentido que, finalmente, foi rexeitada no Congreso español co voto en contra do PSOE e a abstención do PP.