PP e PSOE vetan a proposta do BNG para impulsar a transferencia á Galiza das competencias pendentes
Co obxectivo de reforzar e ampliar o autogoberno da Galiza, o BNG urxe convocar a Comisión Mixta Xunta da Galiza-Estado español e avanzar no traspaso de máis de corenta competencias como a Xestión do Ingreso Mínimo Vital, Tráfico, as autoestradas AP-9 e AP-53, Portos e Paradores, inspección de traballo, meteoroloxía ou os centros de investigación con sede na Galiza. "Lamentabelmente, as forzas estatais con representación na Cámara galega -PP e PSOE- votan en contra e conseguen vetar a proposta do BNG", sinalan desde a formación nacionalista.
"O Partido Popular aclarou que non aspira a desenvolver nin as competencias que están recollidas no Estatuto de Autonomía nin aquelas que o Parlamento da Galiza reclama pola unanimidade dos grupos. Tampouco o PSOE demostra ningunha convicción para cumprir e transferir as competencias pendentes", denuncia o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. Así mesmo, Rego lembra que ambas as dúas forzas estatais, PP e PSOE, votan afirmativamente no Parlamento galego mais, pola contra, "en Madrid votan diametralmente a oposta".
Obxectivo da iniciativa: máis capacidade para Galiza
A Comisión de Política Territorial do Congreso foi o espazo onde se debateu a iniciativa do BNG, que tiña por obxectivo demandar a convocatoria urxente da Comisión Mixta Xunta-Estado para negociar o traspaso das competencias pendentes á Galiza.
Entre as 40 competencias enumeradas polo BNG destaca a transferencia en materia de Tráfico e Seguranza Viaria e desenvolver a Policía galega, a xestión do Ingreso Mínimo Vital e a do dominio público marítimo-terrestre, os Servizos e infraestruturas viarias e ferroviarias como a AP-9 e a AP-53, Portos de Interese Xeral e os Paradores localizados na Galiza, obras hidráulicas ou a xestión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Así mesmo, a iniciativa do BNG tamén propuña "transferir á Galiza" Salvamento Marítimo e os medios de loita contra a contaminación mariña; os servizos sanitarios e asistenciais a traballadores e traballadoras do mar (ISM); inspección de traballo; meteoroloxía; os centros de investigación con sede na Galiza, as funcións e servizos de Institucións de Penitenciarías ou as competencias en materia de emigración e inmigración.
"A Galiza debe ter presenza en entidades do carácter estatal como o Banco de España, a Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA, os órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo na Galiza e as comisións reguladoras de servizos liberalizados", defende Rego.
Por outra parte, a iniciativa do BNG instaba a que o Goberno do Estado dese conta anualmente das xestións e acordos da Comisión Mixta, incluíndo todos os informes e escritos en relación coa convocatoria da Comisión e a demanda de transferencias.
Capacidade para decidir por si mesmo e concerto económico
"O BNG defende un novo status político de nación e un novo sistema de financiamento -baseado no concerto económico- que nos permita afrontar os retos de futuro con garantías, con capacidade para decidir sobre os asuntos que interesan aos galegos e galegas", sinala o deputado. Para a organización nacionalista, "é preciso ter recursos financeiros para fortalecer os servizos públicos e impulsar o desenvolvemento económico e o benestar social".
En opinión de Néstor Rego, no actual contexto "é prioritario dar un salto adiante no autogoberno mediante a asunción de novas competencias que outorguen unha maior capacidade de respostas aos retos dunha nova era". A comezar, engade Rego, por asumir as competencias contempladas no actual Estatuto e transferir aquelas que están previstas mediante delegación do Estado por Lei Orgánica.

