Galiza ten aínda pendente o traspaso dunha trintena de competencias exclusivas

Galiza conta desde a terza feira cunha nova competencia, a xestión do litoral, após 16 anos sen conseguir ningunha transferencia por parte dos sucesivos gobernos do Partido Popular. En materia económica, a práctica totalidade dos traspasos que corresponderían ao país aínda non se efectuaron.

A conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (no centro), esta terza feira, nun acto para conmemorar a asunción das competencias sobre o litoral. (Foto: Xunta da Galiza)
A conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (no centro), esta terza feira, nun acto para conmemorar a asunción das competencias sobre o litoral. (Foto: Xunta da Galiza)

Galiza xestiona desde a terza feira o seu litoral. O traspaso das competencias nesta materia permitirá á Xunta o goberno e a ordenación da faixa litoral galega, correspondéndolle a regulación dos instrumentos de planificación, a determinación do réxime xurídico dos usos e das actividades socioeconómicas, o outorgamento das diversas licenzas e a protección desta área. Trátase dunha extensión de 16.000 quilómetros cadrados, 75% dos cales teñen a consideración de espazo natural.

A cesión desta competencia á Galiza pon remate a un período de 16 anos nos que o país non recibiu ningunha transferencia. Alberto Núñez Feixoo, nos seus 13 anos á fronte do Executivo galego, non negociou o traspaso de ningunha competencia, paralizando nada máis chegar á Presidencia en 2009  a tramitación daquelas acordadas en 2008 pola Xunta e o Goberno do Estado referidas á Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación de Estado con sede no país.

O groso das competencias actualmente xestionadas pola Xunta transferíronse nos primeiros anos do réxime autonómico. Malia que con anterioridade á aprobación do Estatuto de 1981 cedéronse a Galiza atribucións en materia de turismo, urbanismo ou transporte, 44% das súas competencias actuais foron traspasadas entre 1982 e 1985. Nese período formalizáronse 68 cesións, a razón de 20 en 1982, 18 en 1983, 17 en 1984 e 13 en 1985. Á volta de 1987, o Estado cedeu a Formación Profesional e as universidades, completando a xestión educativa, concretándose en 1990 as transferencias en materia sanitaria.

 A segunda metade dos 90 foi escenario doutra avalancha de transferencias. A ausencia de maiorías absolutas no Goberno do Estado e a necesidade do apoios das forzas nacionalistas obrigou primeiro o socialista Felipe González, e posteriormente o popular José María Aznar, a ceder un importante paquete de competencias ás autonomías. Neste contexto, Galiza recibiu entre 1994 e 1999 transferencias en 46 áreas de xestión gobernamental, así como novas atribucións en materia fiscal, unha das esferas onde resulta máis evidente o alto grao de centralización do Estado español.

O 'freo' de Núñez Feixoo

As últimas cesións de competencias fixéronse efectivas en 2008. A correlación de forzas no Congreso dos Deputados e a necesidade dos apoios parlamentarios do BNG levou o presidente español José Luis Rodríguez Zapatero a acordar coa Xunta da Galiza o traspaso de diversas materias. Nese ano, Zapatero e o vicepresidente galego, Anxo Quintana, pactaron a cesión de nove competencias, deixando para a seguinte anualidade a transferencia do salvamento marítimo. Porén, o novo tempo político iniciado en 2009 na Galiza coa derrota do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e a chegada á de Núñez Feixoo fechou o proceso aberto.

Galiza continúa sen xestionar competencias exclusivas recollidas no Estatuto de Autonomía de 1981. Aínda fican por transferir 35 materias, entre as recoñecidas como propias polo Estatuto de Autonomía e as reclamadas en diferentes acordos do Parlamento da Galiza. No ámbito das infraestruturas destacan as autoestradas que decorren integramente por territorio galego, como a AP-9 e a AP-53, as liñas de alta tensión internas, como Mesón do Vento-As Pontes e As Pontes-San Cibrao, os tres  aeroportos e os cinco portos de interese xeral emprazados no territorio galego. 

O Estatuto de Autonomía de 1981 estabelece como competencia exclusiva “a creación dunha Policía Autónoma de acordo co que dispón a Lei Orgánica prevista no artigo 149. 1.29 da Constitución”. Mentres Catalunya conta cos Mossos d'Esquadra, Euskadi coa Ertzaintza, Nafarroa coa Policía Foral, Canarias coa Guanchancha ou Madrid coas Brigadas Especiais da Seguridade, a Galiza só dispón dunha unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma. O Partido Popular négase a contar con ese servizo.

As competencias exclusivas en materia económica están, practicamente, na súa totalidade sen traspasar. Así, Galiza segue carecendo de capacidade de goberno en materias como Inspección de Traballo, Seguridade Social, formación ocupacional ou servizos sanitarios e  asistencia a traballadores do mar. Na mesma dirección, faltan por transferir a Inspección Pesqueira, os seguros agrarios ou as competencias na totalidade dos proxectos de xeración enerxética emprendidos no país, as redes básicas de gas e control de refinarías e almacéns de hidrocarburos.

As materias pendentes de traspasar no ámbito educativo e sanitario chegan a diversos aspectos. Signifícanse, entre eles, a capacidade de decidir o número de Médicos Internos Residentes (MIR) a formar en cada exercicio, as competencias sobre bolsas educativas e a titularidade e xestión de todos os centros de investigación que teñen a súa sede emprazada en territorio galego.

A herdanza de Feixoo: Galiza é a nacionalidade co menor nivel de autogoberno

Galiza é a nacionalidade histórica do Estado cun menor nivel desenvolvemento do seu autogoberno. Malia os acordos do Parlamento da Galiza e as solicitudes dos últimos tempos da Xunta, entre elas as competencias en materia de permisos de traballo de persoas estranxeiras solicitadas esta mesma segunda feira, a negativa do Partido Popular a xestionar novas transferencias durante os gobernos de Fraga, e sobre todo de Feixoo, deixan este panorama.

Son moitos os exemplos desta situación. Así, Galiza é a única nacionalidade histórica sen competencias en materia de tráfico, a  diferenza de Euskadi e Catalunya, que dirixen desde hai décadas a seguridade viaria e a circulación, tras pregarse o PP desde 2021 a reclamalas polas presións de Jusapol, o sindicato ultra da Policía Nacional. Na mesma dirección, carece de competencias sobre as institucións penais localizadas no seu territorio ou sobre a rede ferroviaria.

Os gobernos do Estado nunca destacaron tampouco polo seu apoio á cesión de competencias. Unha mostra disto obsérvase coa transferencia da AP-9, rexeitada ou adiada en reiteradas ocasións por gobernos de diferentes formacións durante a última década contra o acordo unánime da Cámara galega.

Comentarios