PP e PSOE ocupan os postos das cinco comisións no Senado

Da Silva estréase na Cámara Alta pedindo un "financiamento xusto".
Javier Maroto, Pedro Rollán e Guillermo Fernández Vara (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Javier Maroto, Pedro Rollán e Guillermo Fernández Vara (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

O Senado constituíu onte as súas primeiras cinco comisións desta lexislatura, onde o PP fixo prevalecer a súa vantaxe na Cámara Alta e ficou coa Presidencia e a maioría de postos nas Mesas, mentres que o resto de cadeiras da dirección destes grupos de traballo corresponden ao PSOE.

A primeira en constituírse foi a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, que será a encargada de fixar a data para que os distintos 'baróns' territoriais desfilen polo Senado para falar sobre a amnistía, tal e como prometeu o PP. A presidenta desta comisión será a ex xefa do Executivo de Aragón a 'popular' Luisa Fernanda Rudi. A segunda comisión que se constituíu onte foi a de Regulamento, co ex líder do PP andaluz Javier Arenas como presidente.

"Financiamento xusto para Galiza"

Onte tamén foi a estrea na Cámara Alta da senadora do BNG, Carme da Silva, que dedicou a súa primeira intervención da lexislatura para defender un "sistema de financiamento xusto para Galiza e camiñar cara a un modelo de fiscalidade xusto e redistributivo".

Da Silva demandou "rematar co modelo de financiamento "caduco e obsoleto" das Comunidades Autónomas e entidades locais e "ter en conta as características propias da Galiza". Así mesmo, rexeitou o sistema fiscal actual, que cualificou de "inxusto", e demandou avanzar cara a un modelo onde "os pratos rotos non os continúen pagando as maiorías sociais".

Os concellos galegos son especial e historicamente discriminados co actual modelo de financiamento, de acordo coa nacionalista. "50 euros é o que deixan de recibir os concellos galegos por habitante sobre a media estatal. Mais a comparación cos concellos madrileños aínda é peor. Mentres os galegos perciben 210 euros por habitante, os da capital do Estado reciben 354", denunciou da Silva.

Comentarios