Investiduras nos concellos

O PSdeG podería darlle ao PP catro alcaldías ao non apoiar o BNG

Catro concellos galegos onde o BNG podería gobernar quizais rematen con alcaldías do Partido Popular. Este sábado constitúense os consistorios e todo dependerá de se finalmente PSdeG e Bloque alcanzan acordos en Barreiros, Castrelo de Miño, Fene e Viana do Bolo. 

Concello_de_Castrelo_de_Miño
photo_camera Concello de Castrelo de Miño

Os plenos dos concellos da Galiza investirán as súas alcaldesas e alcaldes este sábado 15 de xuño. Previsibelmente e en consonancia cos resultados das urnas todo apunta a unha nova perda de poder do Partido Popular, que retrocedeu outra vez electoralmente nos pasados comicios municipais do 26 de maio, baixando das 149 maiorías absolutas que obtivera en 2015 ás 127, ademais de caer tamén no conxunto da Galiza do 35,73% dos votos ao 33,35%.

Mais hai catro municipios galegos onde o PP, a pesar de non alcanzar maioría absoluta e de non contar con aliados de dereitas, poden rematar tendo un alcalde do partido de Feixoo se o PSdeG se abstén ou non vota en prol do BNG. As e os edís do PSdeG en Barreiros, Castrelo de Miño e Viana do Bolo manteñen a día de hoxe reticencias a investir o Bloque Nacionalista Galego na alcaldía dos seus concellos. En Fene aínda non decidiron se votar o candidato do BNG. Con todo, as reunións apresúranse antes do sábado para poder alcanzar acordos. 

En Viana do Bolo o PSdeG esixe a alcaldía e goberno en solitario durante dous anos

En Viana do Bolo o BNG fíxose en 2015 coa alcaldía ao empatar co PP a 5 actas. O alcalde nacionalista Secundino Fernández integrou o único edil do PSdeG no goberno. Nas últimas eleccións o Bloque volveu empatar co PP a 4 edís, mentres o PSdeG medrou alcanzando 3 actas. 

O día 30 de maio Secundino Fernández xuntouse co PSdeG coa idea de acordar un reparto de goberno proporcional aos resultados das urnas, baseado en que a alcaldía recaese no Bloque, a tenencia de alcaldía no PSdeG e o programa de goberno fose consensuado. Porén, o PSdeG esixe para alcanzar un acordo que tanto a alcaldía como a xunta de goberno e o programa sexan en solitario para cada partido durante dous anos. 

No Bloque non queren partir en dous o tempo do mandato e continuaron a defender a idea dun goberno conxunto argumentando que a vontade da veciñanza nas urnas foi na dirección de goberno de coalición encabezado pola forza máis votada. De cara ao pleno de constitución do consistorio expresan a súa preocupación, xa que non recibiron novidades por parte do PSdeG e estes confirmáronlles que xa falaron co PP.

A única edil do PSdeG en Barreiros esixe dedicación exclusiva do concello para apoiar BNG

O concello de Barreiros, na Mariña, non tivo outro alcalde que non for da dereita española (UCD e PP) desde a implantación do réxime de 1978. Sería agora a primeira vez que unha alcaldía de signo distinto gobernase Barreiros. As urnas do 26 de maio quitaron a maioría absoluta ao Partido Popular (pasou de 6 edís a 5) e déronlla á suma do BNG (5) co PSdeG (1).

Todo apuntaba a que Ana Ermida sería a primeira alcaldesa nacionalista de Barreiros, mais na reunión de negociación coa edil do PSdeG as conversas estancáronse e ficaron emprazadas a unha nova xuntanza para esta quinta feira. Ermida acudiu á xuntanza co programa do BNG para negociar, mais a concelleira do PSdeG María Carme Veiga, que acudiu con Mar Iglesias, secretaria de organización provincial do partido, expuxo o seu desexo de liderar a concellaría de Servizos Sociais e ter unha remuneración a modo de dedicación exclusiva. Até o de agora, a única a dedicación exclusiva existente no consistorio de Barreiros era a do alcalde popular.

O PSdeG tamén esixe unha alcaldía rotativa en Castrelo de Miño

Xurxo Martínez é alcalde do BNG en Castrelo de Miño desde o ano 2007 co apoio do PSdeG e desde o 2011 con maioría absoluta. Nestas eleccións municipais deu o relevo ao seu compañeiro de partido Esteban Suárez, e as urnas escolleron o número 3 para case todo: deuse un triplo empate, tres actas recibiron cada unha das tres formacións (BNG, PP, PSOE), resultando a nacionalista a máis votada por unha diferenza tamén de tres votos respecto do PP. 

O PSdeG quere, como en Viana do Bolo, unha alcaldía rotativa co BNG, mentres que o nacionalismo defende a idea de cogoberno por ser forza máis votada. As opcións máis probábeis para este sábado en Castrelo son un goberno bipartito BNG-PSdeG ou goberno en solitario do BNG (co voto afirmativo ou coa abstención do PSdeG). Outras combinacións que implicasen acordos do PP co PSdeG semellan, polo de agora, máis improbábeis pero non imposíbeis.  

Fene penalizou nas urnas o PP pola súa moción de censura, mais BNG e PSdeG aínda non teñen acordo

Gumersindo Galego (PP) é o actual alcalde en funcións de Fene desde que o pasado 6 de abril de 2018 prosperase a moción de censura contra Juventino Trigo (BNG). A moción foi apoiada por Somos Fene (que estaba encadrada nas mareas) e coa abstención do PSdeG. As formacións que integraban o goberno local (BNG e Esquerda Unida) votaron en contra. 

A veciñanza de Fene castigou nas urnas do 26 de maio a moción de censura, baixando o PP unha acta (de 7 a 6) e desaparecendo do concello os membros de Somos Fene (nestas eleccións presentáronse baixo as siglas Compromiso por Galicia). Pola contra, o ex alcalde Juventino Trigo obtivo unha suba para o BNG de 2 actas, chegando ás 6 e ficando a só 100 votos de ser forza máis votada. O PSdeG tamén subiu unha acta, alcanzando as 4, e Esquerda Unida mantén 1. 

Así as cousas, o BNG tería de novo a alcaldía co apoio de Esquerda Unida pero é necesario contar co apoio do PSdeG desde fóra ou desde dentro do goberno. Esta quinta feira terán de novo unha xuntanza para acadar un acordo. 

Un interrogante en Catoira

O PSdeG goberna Catoira de forma continuada desde hai tres décadas. Mais o pasado 26 de maio perdeu a maioría absoluta baixando de 7 a 5 actas. O PP medrou de 1 a 3 e o BNG mantivo as 3 que xa tiña.

Os pactos decidirán agora quen gobernará en Catoira. No PP queren optar á alcaldía como sexa, incluso pactando co BNG, algo que o nacionalismo descarta por completo. A forza liderada por Ana Pontón anunciou que impedirá gobernos da dereita en toda Galiza

O que si estuda o BNG local de Catoira é a viabilidade da presentar candidatura á alcaldía. De todas as maneiras, desde o Bloque Nacionalista Galego remarcan en que non houbo ningún contacto co PP, non se vai negociar co PP e non van facer ningunha acción que poida propiciar que haxa alcaldía do Partido Popular.

Comentarios