Pactos após o 26M

O PP galego pide por carta ao PSdeG deixar gobernar a lista máis votada

O Partido Popular solicita ao PSdeG por medio dunha carta asinada polo seu secretario xeral na Galiza, Miguel Tellado, que se comprometan a deixar gobernar a lista que resultase máis votada en cada municipio nas pasadas eleccións do 26 de maio.

Miguel Tellado
photo_camera Miguel Tellado

Por medio dunha carta remitida ao PSdeG, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, solicita que en cada municipio ambos partidos non pacten con outras forzas e permitan gobernar a lista que resultase máis votada nas urnas do pasado domingo 26 de maio. A misiva foi enviada á atención do vicesecretario e portavoz do PSdeG, Pablo Arangüena.

O secretario xeral do PP galego afirma na carta que nos pasados comicios locais a cidadanía expresou “de forma democrática a súa vontade" habendo varios municipios en que se produciron maiorías absolutas e noutros onde unha lista resultou gañadora “con amplo respaldo popular mais sen poder alcanzar dita maioría", apunta Tellado.

Nese sentido, considera o secretario xeral do PP galego que corresponde aos partidos políticos "interpretar e respectar esta vontade popular", motivo polo que afirma que desde o PP comprométense a, de tamén querelo o PSdeG, sumarse a ese acordo.

Desde o PP comprométense a, de tamén querelo o PSdeG, sumarse a ese acordo

Esta proposta xa fora enunciada polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a pasada semana cando solicitou ao PSdeG que permitise facerse coa presidencia a Manuel Baltar por ser o que maior número de actas obtivo na Deputación de Ourense a cambio de deixar gobernar ao PSdeG de Rafael Villarino no concello de Ourense, onde resultou ser a candidatura máis votada. Agora é Tellado quen oficializa esta oferta por medio dunha comunicación formal.

Esta proposta xa fora enunciada polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a pasada semana

Desta maneira, mentres o PP estatal está a elaborar un acordo marco con Vox e Ciudadanos para gobernar alí onde o Partido Popular ficou en minoría, Feixoo e Tellado saen con esta proposta. O presidente da Xunta defendeu de feito a semana pasada a reforma da lei electoral para que goberne a lista máis votada, xa que, segundo dixo, "non pode ser que o partido gañador se converta en perdedor, e que o perdedor sexa goberno", en alusións ao que ía suceder en varios municipios galegos.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP no Estado avogou hoxe precisamente polo acordo marco con C’s e Vox

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP no Estado avogou hoxe precisamente polo acordo marco con C’s e Vox, mais preguntado nunha entrevista radiofónica pola proposta anteriormente defendida polo PP de que gobernase a lista máis votada, Egea sinalou que fai catro anos, Mariano Raxoi propuxo ao PSOE cambiar "a regras" para que gobernase o máis votado e o PSOE foi quen "dixo que non", polo que o PP "por responsabilidade non fixo a súa proposta por entender que o goberno e o primeiro partido da oposición teñen que estar de acordo", motivo polo cal argumentou que se o PSOE pacta con outras forzas para superar a lista máis votada, pois tamén o PP vese na obriga de facelo.

Comentarios