O PPdeG reitera a Gonzalo Caballero a súa oferta de 'concello por deputación' en Ourense

Miguel Tellado pide ao PSdeG que “respecte” a lista máis votada e carga contra Ciudadanos por querer condicionar quen será presidente da entidade provincial ourensá tendo só un deputado provincial..

tellado feixoo PP imaxe do Flickr do PPdeG
photo_camera Miguel Tellado e Núñez Feixoo Imaxe: PPdeG

O PPdeG repite oferta, consciente que de ficar sen a Deputación de Ourense, os populares galegos deberán afrontar un escenario complicado saído do 26M: non gobernarán ningunha das cidades galegas e ningunha das deputacións. A súa praza máis importante pasaría ser Arteixo. Por iso Miguel Tellado volveu este domingo, nunha entrevista na RNE, ofrecer os socialistas a oferta que Núñez Feixoo lles fixo esta mesma semana: O PPdeG permitirá que goberne o PSdeG no Concello de Ourense e a cambio as socialistas deixarán que Manuel Baltar continúe á fronte da Deputación de Ourense malia perder a maioría na entidade provincial após as eleccións do 26M.

“O PSdeG defende que debe gobernar no concello de Ourense e nós, coa mesma argumentación, que o PPdeG debe gobernar na Deputación”, explicou o secretario xeral dp PPdeG. Instou Gonzalo Caballero a que diga se ten pensado facer unha cousa no concello e a contraria na Deputación, algo que, para Tellado, non sería nin lexítimo nin democrático nin tampouco respectuoso coa vontade maioritaria dos cidadáns.

Por outra banda, Tellado remarcou que a postura de Ciudadanos en Ourense responde “a unha cortina de fume” para agochar as súas verdadeiras intencións de pactar con socialistas e nacionalistas o Goberno da Deputación. Cualificou de “ilexítima e antidemocrática” a proposta de Ciudadanos, pois dixo que pretende condicionar o candidato doutro partido político tendo só un deputado provincial de 25.

Comentarios