O PP fica só no Parlamento en defensa da fábrica de Altri

BNG e Democracia Ourensá rexeitaron a iniciativa popular, mentres que o PSdeG optou pola abstención.
Comisión de Industria, esta quinta feira (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Comisión de Industria, esta quinta feira (Foto: Parlamento da Galiza).

O PP quedou só no Parlamento galego en defensa da futura fábrica de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) cunha iniciativa que insta á Xunta da Galiza a dar prioridade ao proxecto "sempre garantindo o cumprimento da máis estrita normativa ambiental". O BNG e Democracia Ourensá votaron en contra, mentres que o PSdeG se abstivo.

Esta proposta do PP sostén que o proxecto de Altri "supón unha oportunidade para xerar riqueza e emprego cualificado" e pide que o Goberno español concrete apoios de fondos europeos "coa maior celeridade posíbel", ademais de demandar a construción dunha subestación eléctrica, entre outras cuestións.

"Alfombra vermella e barra libre"

Durante o debate, Iria Carreira (BNG) responsabilizou á Xunta de pór "alfombra vermella e barra libre" a Altri, unha empresa que "non é sostíbel" e que vai "deteriorar" o río Ulla e a ría de Arousa, ademais de "destruír" postos de traballo sostíbeis.

A nacionalista reprobou que o grupo popular "pinta un mundo de cor de rosa" con esta iniciativa en defensa dunha "megacelulosa" que é "altamente dependente" do eucalipto. "Por que hipotecan o futuro da Ulloa e de toda a Galiza?", cuestionou a nacionalista.

"O PP fixo de Altri un proxecto político"

Pola súa parte, Patricia Igrexas (PSdeG) recriminou que "o PP fixo de Altri un proxecto político" e "collérono como bandeira electoral", motivo pola cal "deben dar explicacións políticas", argumentou a socialista.

Igrexas tamén defendeu a emenda de substitución presentada polos grupo socialista porque "non todo é branco ou negro", ademais de remarcar a "preocupación polo medio ambiente" da súa formación política.

Comentarios