O PP autoeméndase para que os proxectos eólicos repercutan nos concellos 2,5% dos beneficios e non dos ingresos

Parque eólico Paxareiras, nos concellos de Mazaricos e Muros. (Foto: Arxina)
O Goberno galego tamén introduce na Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2023 novas excepcións para a moratoria eólica.

A Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañará os Orzamentos de 2023 da Xunta da Galiza conteñen múltiples referencias á política enerxética. Unha das cuestións esenciais ten a ver cos proxectos que o Consello da Xunta designa 'iniciativa empresarial prioritaria', un punto no que o grupo parlamentario do PP vén de presentar unha emenda ao texto inicial.

Deste modo, poderán obter esta cualificación as instalacións de enerxía eólica que cumpran algún dos seguintes requisitos: xustificar un "compromiso industrial" que supoña a "creación ou consolidación" de 25 postos de traballo directos na Galiza; que conten cun investimento mínimo de 20 millóns de euros; que teñan infraestruturas de evacuación en tramitación ou autorizadas e que subscribisen un acordo directo de compravenda de enerxía —mínimo 50% da producida— "a longo prazo e a prezo competitivo" cunha industria galega, e, finalmente, que durante dez anos repercuta directamente nos concellos 2,5% dos beneficios.

Este último punto muda a petición da propia bancada popular, cuxa emenda á lei muda significativamente a proposta inicial, que era destinar 2,5% da facturación anual do parque eólico aos concellos, no canto dos beneficios, como solicitou o PP.

Novas excepcións na moratoria

Así as cousas, a Lei de acompañamento dos orzamentos inclúe tamén unha mudanza lexislativa en relación á moratoria a novos proxectos de enerxía eólica que entrou en vigor o pasado xaneiro —e que ficará activa até xuño de 2023—.

Deste modo, se a propia norma xa excluía os proxectos "cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social", agora engade a esa lista de excepcións os parques que solicitasen os permisos de acceso e conexión á rede antes da entrada en vigor da moratoria e os obtivesen durante o prazo que dura a devandita moratoria, segundo decreta a disposición adicional sexta que se modifica con base na Lei de acompañamento.

Porén, matiza o punto 4 desta disposición adicional, "o estabelecido neste artigo será unicamente de aplicación a aquelas instalacións que sexan competencia da comunidade autónoma en virtude do disposto na lexislación básica"; isto é, que non afecta os parques eólicos tramitados a nivel estatal perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica —os proxectos de máis de 50 megawatts de potencia instalada—.

Tamén engade unha disposición adicional sétima referida aos proxectos aos que lles caduquen os permisos, ao abeiro do real decreto-lei 23/2020, un caso no que a Administración galega "continuará a tramitación das solicitudes [...] que perdan o permiso de acceso e conexión como consecuencia do incumprimento dos fitos temporais estabelecidos [no devandito decreto]".

"Se a tramitación da solicitude chegase ao momento inmediatamente anterior á obtención da autorización administrativa e cumprise con todos os requisitos excepto ter o citado permiso, o órgano substantivo para a súa autorización emitirá unha declaración facendo constar que o proxecto cumpre con todos os requisitos para a autorización a excepción do permiso de acceso e conexión, e que a autorización administrativa previa e de construción non pode emitirse ata a obtención do permiso", sostén o texto.