O PP aposta por manter a atención telefónica das urxencias pediátricas

O BNG denuncia as consecuencias da falta de persoal.
Sesión da comisión de sanidade do Parlamento, esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Sesión da comisión de sanidade do Parlamento, esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O BNG esixiu esta quinta feira ao Goberno galego a retirada do protocolo sanitario aprobado en abril para a área sanitaria de Vigo polo que se traslada a atención ás nenas e nenos á modalidade telefónica no caso de falta de persoal pediátrico, “un feito que suporá, na práctica, a saturación tanto dos Puntos de Atención Continuada como dos servizos de urxencias hospitalarias, co seu correspondente aumento da presión asistencial”, criticou a deputada nacionalista Montse Prado.

“O protocolo imposto compromete a necesaria exploración e valoración médica e insírese nunha cada vez menos disimulada aposta da Xunta da Galiza do Partido Popular pola telemedicina como vía para seguir avanzando no recorte da Atención Primaria”, denunciou Prado.

A nacionalista volveu advertir durante a súa intervención na comisión de sanidade a falta de pediatras en até 200 consultorios, “hai comarcas enteiras sen atención pediátrica".

Julio Torrado (PSdeG) puxo de manifesto que protocolos como este de pediatría "son consecuencia dos recortes e da mala planificación destes anos de Gobernos do PP".

O portavoz do PP neste debate, José Alberto Pazos, apuntou que o déficit de pediatras "afecta a todo o Estado e a países da contorna" e na Galiza "estanse a adoptar medidas". Chegado o momento da votación, o PP posicionouse en contra da proposición presentada polo BNG.

Prazas MIR

Tamén nesa mesma comisión de sanidade, o PSdeG denunciou que este ano a Galiza deixou sen convocar máis de 100 prazas MIR, ademais de 29 das 79 prazas de formación en Enfermaría Familiar e Comunitaria, á vez que a Xunta da Galiza lamenta que "non hai profesionais, pero despois renuncian a formar os que poden”.

A formación socialista reclamou instar o Goberno galego a convocar todas as prazas habilitadas para o sistema de formación de residentes, mais a proposición non saíu adiante ao ter os votos en contra do Partido Popular.

Comentarios