As portas xiratorias entre o PP e as compañías eléctricas

Antonio Couceiro, Beatriz Mato e Marta Fernández Currás (Foto: Nós Diario).

A decisión do antigo coordinador de Izquierda Unida Alberto Garzón de saltar do Consello de Ministros á empresa de lobby dirixida polos ex ministros de Zapatero e Raxoi, José Blanco e Alfonso Alonso, e a súa posterior renuncia pola “incomprensión suscitada no espazo político” onde militaba, volve situar as portas xiratorias no centro do debate político.

As portas xiratorias levan pairando sobre os comicios galegos desde o comezo da campaña. No debate electoral organizado pola CRTVG na segunda feira de 5 de febreiro, a candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, apuntaba directamente a Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros gobernos de Alberto Núñez Feixoo e conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, que pasou á dirección da eléctrica Greenalia en 2020 após unha tentativa frustrada de alcanzar a Alcaldía da Coruña co PP.

A participación da área de Mato en expedientes referidos a Greenalia resultou unha práctica habitual nos seus anos á fronte da Consellaría de Medio Ambiente. Por exemplo, en 2017, a Xunta da Galiza outorgou á empresa Greenalia diversas autorizacións legais para pór en funcionamento a central de biomasa en Teixeiro (Curtis). O 26 de abril de 2018, o Consello da Xunta, do que facía parte Beatriz Mato, declaraba de interese especial os parques eólicos de Campelo e Bustelo (Coristanco, Carballo e Santa Comba), promovidos pola empresa Greenalia, actualmente paralizados pola xustiza.

Quitar a cadeira ás eléctricas

A presenza de antigos conselleiros e responsábeis políticos do PP nos postos de dirección das eléctricas pódese seguir en diversas compañías con actividade na Galiza. A este respecto, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, ten reiterado en diversos actos da campaña a vontade da súa organización de "quitarlle a cadeira do Consello da Xunta ás eléctricas". Outra conselleira de Feixoo presente no consello de administración dunha eléctrica, neste caso Ecoener, é Marta Fernández Currás, que após exercer como responsábel de Facenda do Goberno galego entre 2009 e 2012 foi nomeada por Raxoi secretaria de Estado de Orzamentos.

Antonio Couceiro e Carlos del Álamo son outros dous antigos conselleiros dos Gobernos do PP na Galiza con responsabilidades en empresas con intereses no sector enerxético. O primeiro senta no consello de administración de Greenalia desde 2017, tras ocupar a Consellaría de Industria e Comercio entre 1994 e 1997, anos chave para o desenvolvemento do negocio eólico. O segundo ocupou un posto na dirección de Ence, empresa centrada na produción de pasta de papel e de enerxía, tras exercer de director xeral de Montes da Xunta entre 1990 e 1996 e de conselleiro de Medio Ambiente entre 1997 e 2003.

As portas entre o sector enerxético e o PP chegan a outros niveis inferiores da administración galega, como o caso de Joaquín del Moral Crespo, que foi conselleiro en Somozas Energías Renovables e director xeral de Industria da Xunta da Galiza entre 1990 e 1999, e o seu sucesor, Ramón Ordás, que tras saír do Goberno galego en 2005 foi nomeado director de Endesa en Portugal.