Pontón reta Feixoo a soltarse "do ganchete" das eléctricas e apoiar unha tarifa eléctrica galega

O Bloque defende esta terza feira e unha proposición de lei no pleno do Parlamento para "compensar" Galiza polo seu papel produtor.
Ana Pontón.
photo_camera Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, retou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mais ao PP a que "se solten do ganchete" das eléctricas e apoien a proposición lexislativa que defenderá o Bloque no pleno do Parlamento esta terza feira para a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega coa que "abaratar o prezo da luz".

Pontón chamou a actuar ante a "estafa" do prezo da luz que marca continuos récords diarios e "pon os pelos como escarpias", o que se traduce en "beneficios multimillonarios para o lobby eléctrico" e "facturas ruinosas" para empresas e familias.

Repercusión na Galiza

A proposta que vai defender o Bloque demanda que o papel da Galiza como produtora de enerxía eléctrica reverta no seu desenvolvemento socioeconómico, dado que está "a pagar" os custos ambientais e sociais.

"Para quen traballa o señor Feixoo cando a resposta para unha estafa deste tipo é unha multa ridícula de 25.000 euros ás eléctricas", cuestionou Ana Pontón, quen censurou que estas compañía, "ademais de estafar, atentan contra o medio ambiente co baleirado de encoros para seguir forrándose".

Propostas

Entre outras medidas, a iniciativa nacionalista propón "compensar" Galiza polo seu papel de produtor eléctrico, tal e como ocorre en "moitos países" con prezos máis baixos para zonas produtoras, entre os que citou a Alemaña, Noruega, Suíza e Reino Unido.

Igualmente, pide reducir os impostos que se pagan na factura, acabar "co timo" das poxas e que haxa plans industriais de emprego.

De tal forma, Pontón insta a Feixoo a que deixe de defender os intereses das eléctricas, pois "todos" están "escandalizados co que está a pasar", mentres "os Gobernos non moven ficha".

Máis en POLÍTICA
Comentarios