O BNG propón unha lei para reducir o prezo da factura da luz

A formación nacionalista reclama compensacións para Galiza por ser produtora de enerxía.
A deputada nacionalista Olalla Rodil (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Olalla Rodil (Foto: Nós Diario)

Cadrando co inicio do curso político, o BNG avanzou que levará ao Parlamento galego unha proposición de lei para reducir o prezo da luz e garantir o acceso deste “ben básico” ao conxunto da poboación. Así o anunciou esta terza feira a viceportavoz nacionalista na Cámara, Olalla Rodil, que recalcou a urxencia “dunha reforma do sector eléctrico” nun contexto de escalada histórica dos prezos. 

"É necesario", dixo, "rematar coa estafa da luz e o espolio enerxético”. Neste sentido, anunciou que a proposta do BNG vai na senda de “reformar a normativa que regula o sector eléctrico no conxunto do Estado”. Unha proposición que persegue dous obxectivos: reducir o prezo da luz no Estado e compensar o carácter produtor e excedentario da Galiza para que as galegas e galegos se beneficien e reverta a electricidade que a Galiza produce a “esgalla” no desenvolvemento social e económico do país.

A nacionalista afirmou que a Galiza "precisa incrementar o seu poder de decisión, ampliando o autogoberno” e que as comunidades autónomas participen na regulación e no deseño das actividades destinadas ao subministro de enerxía eléctrica.

Nesa liña, outra das medidas que o BNG levará ao pleno está relacionada coa supresión de determinados custos do sistema eléctrico “repercutidos hoxe na factura” e que deben ser asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado, indicou Rodil.

Aliás, a proposición insta a mudar o sistema actual de poxa (pool) por un de custos recoñecidos. "Pagamos todo ao prezo da tecnoloxía máis cara", denunciou Rodil, pondo como exemplo mercar nun supermercado xarda, xurelos e percebes e pagar todo ao prezo dos percebes. "Temos que camiñar cara a un sistema de custos diferenciado”, reclamou.

A este respecto, lembrou que o BNG "leva tempo defendendo unha tarifa eléctrica galega", compensacións para os territorios excedentarios na produción de enerxética e que peaxes e cargos sexan calculados de maneira diferente, compensando os custos sociais e ambientais desa produción. 

Eléctrica de Padrón

Noutra orde, a deputada Iria Carreira, tamén do BNG, instou a Xunta desde o Parlamento a demandar da empresa UFD unha localización para a subestación de Padrón diferente da actual, para dar así cumprimento á normativa de impacto ambiental e de saúde.

Carreira advertiu da insalubridade, ruídos e vibracións denunciados pola veciñanza e do expediente aberto polo Concello de Padrón á compañía pola superación dos valores límite de ruído (65dB cando o límite en horario nocturno é de 45dB).

Comentarios