Pontón reivindica unha "saída xusta" a unha crise que "estafa a maioría"

O BNG pide "traballo digno, vivenda e servizos públicos".
FOTO ANAPONTÓN MANIFESTACION 1MAIO VIGO
photo_camera Xabier P. Igrexas e Ana Pontón onte en Vigo (Foto: Nós Diario)

Unha "saída xusta" a unha crise de prezos que é unha "estafa a maioría social" e que na Galiza afecta especialmente ao "subir máis o IPC que no resto do Estado". Esta foi a reivindicación principal que a portavoz nacional do BNG quixo transmitir onte en Vigo, onde Ana Pontón participou na mobilización central da CIG polo 1 de maio. 

"Estamos ante unha crise de prezos onde vemos os escandalosos beneficios que teñen as eléctricas ou a banca fronte ás dificultades dos e das traballadoras para chegar a fin de mes. De feito beneficio empresarial é sete veces maior que o dos salarios", manifestou Pontón, que na mobilización estivo acompañada por Xabier P. Igrexas, portavoz nacionalista en Vigo e candidato á Alcaldía.

Neste contexto, argumentou Pontón, "non é normal que PP e PSOE sigan poñendo o foco nun pacto de rendas, porque iso significa é que os traballadores e as traballadoras paguen de novo os pratos da crise, mentres o Goberno do Estado e da Xunta son incapaces de poñer sobre a mesa medidas efectivas para garantir salarios dignos para poder vivir".

A líder da oposición tamén apuntou que os galegos e as galegas están "a pasalo peor "nesta crise porque o IPC sobe máis que na media do Estado, "a pesar de que temos salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixa.

Malia isto, proseguiu, a Xunta "goberna para unha minoría como demostra o pelotazo fiscal de 33 millóns de euros co imposto do patrimonio  ás persoas máis ricas da Galiza mentres retira a tarxeta básica para axudar as familias que máis o precisaban".

Por último, Pontón destacou que o Primeiro de Maio é un día "de reivindicación, para recordar que os dereitos que se lograron foi a base de loita social".

Pola súa parte, Xabier P. Igrexas lembrou que en Vigo hai máis de 18.000 persoas en paro "mentres medra a crise industrial". Por iso, "fai falta un Plan de reactivación económica, produtiva e industrial de Vigo e comarca", reclamou.

Comentarios