Pontón pide a comparecencia urxente de Rueda no Parlamento tras os novos casos de abandono en residencias de maiores

O BNG vén de denunciar un novo caso de "abandono" de maiores en residencias privadas. Neste caso, o terceiro que transcende no último mes, refírese á residencia de DomusVi en Monforte de Lemos. Segundo a formación nacionalista, as usuarias e os usuario conviven con sucidade, cheiros insoportábeis e comida en malas condicións, mentres a empresa só contrata tres traballadoras na quenda nocturna para atender até 180 persoas.
Ana Pontón e Manuel Lourenzo, este 7 de novembro en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón e Manuel Lourenzo, este 7 de novembro en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta sexta feira explicacións ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, pola situación "insostíbel" dos centros de maiores, logo de coñecerse un novo caso de desatención e falta de coidados na residencia DomusVi de Monforte (Terra de Lemos), "unha das máis grandes do país". "Que máis ten que pasar, cantos anciáns desnutridos e cantos Amoeiros máis ten que haber para que o presidente da Xunta deixe de mirar para outro lado e se tomen medidas que garantan vellez digna ás persoas maiores", cuestiona Pontón.

A nacionalista alertou de que o coidado e a dignidade das persoas maiores "non están garantidos" nas residencias da Galiza e instou o Executivo galego a adoptar medidas urxentes para mellorar tanto a atención como as condicións laborais do persoal.

Durante unha visita a Soutomaior, Pontón advertiu de que o caso de Monforte —onde, segundo denuncias recibidas polo BNG, os residentes conviven con sucidade, cheiros insoportábeis e comida en malas condicións— "é un síntoma dun sistema de coidados que fai augas por todas partes". A portavoz lembrou tamén os casos da vivenda comunitaria de Amoeiro, fechada o mes pasado tras detectarse desnutrición entre as persoas usuarias, e da residencia de Xinzo de Limia, clausurada tamén días despois por irregularidades graves.

Tres coidadoras para 180 usuarias

Pontón subliñou a precariedade do persoal, integrado na súa maioría por mulleres, que traballan "con salarios baixos, moita temporalidade e quendas imposíbeis", como as tres coidadoras e unha enfermeira que atenden polas noites 180 persoas en Monforte. "É intolerábel que a Xunta financie con fondos públicos empresas privadas como DomusVi mentres renuncia a garantir un servizo digno", criticou.

A líder do BNG volveu demandar a Rueda que faga públicas as actas de inspección das residencias de Monforte e Amoeiro, lembrando que esta última fora visitada por servizos da Consellaría apenas quince días antes do seu feche. "Por que o señor Rueda oculta esa acta de inspección que non remite ao Parlamento?", preguntou Pontón, quen advertiu de que xa non se trata de "casos illados", senón dun "problema que explotou durante a pandemia e diante do cal a Xunta, en vez de tomar medidas para reverter a situación, segue a mirar para outro lado".

Comentarios