Ana Pontón pide o cesamento de Fabiola García tras os casos de anciáns desnutridos en residencias privadas
O presidente defende que a Xunta da Galiza "actúa con contundencia" e a nacionalista volveu reclamar as actas da inspección.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que defendeu a actuación con "rigor" do Goberno galego no feche de dúas vivendas comunitarias de maiores situadas en Amoeiro (comarca de Ourense) e Xinzo (A Limia) tras detectar "deficiencias graves".
O feche destas dúas casas de maiores nos últimos 15 días protagonizou o cara a cara entre Rueda e Pontón. A líder do BNG preguntou ao presidente "cantos Amoeiros máis hai esperando a ver a luz?" e reclamou á Xunta que faga públicas as actas de inspección que, segundo denunciou, "o PP oculta á Cámara galega".
Pola súa banda, Rueda subliñou que a Xunta da Galiza fai máis dun milleiro de inspeccións ao ano para velar polo benestar dos maiores e dixo que, no caso concreto de Amoeiro, "houbo varias inspeccións e requirimentos". "Como non se cumpriron, feche inmediato, actuando con contundencia", subliñou o presidente.
Todo iso sucedeu nun debate no que Pontón denunciou as "condicións deplorábeis" nas que se atopaban as persoas maiores que vivían nos centros, que "poderían estar a comer leite e patacas como único alimento" e que nalgúns casos mesmo "levaban unha semana sen bañarse" e "un ano sen cortar o pelo".
Ante esta situación, criticou que o presidente do Executivo galego "non tomase antes ningunha medida para garantir a atención adecuada das persoas de Amoeiro". "E sobre todo, señor Rueda, como é posíbel que aínda non cesase a súa conselleira de Política Social por permitir semellante infamia?", dixo.
Pontón sostivo que o "modelo privatizado" do PP, en que "as persoas son tratadas como números do negocio da vellez", está a converter as residencias nun "perigo" para as persoas maiores, tanto por acción como por omisión.
Tamén reprochou que, como no caso de Amoeiro, a Xunta pasara anos "mirando para outro lado a pesar das denuncias e das inspeccións" e que "estea a derivar pacientes psiquiátricos ou drogodependentes ás residencias sen contar con persoal especializado para atendelos". "A consecuencia destas accións, remarcou, é que o Executivo do PP está a pór en perigo tanto a vida das persoas usuarias como das propias traballadoras".
Rueda defende a "contundencia" da Xunta
En fronte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu o "rigor" da Xunta no feche destas dúas vivendas comunitarias de maiores tras as deficiencias detectadas e reprochou que Pontón faga "insinuacións" sobre a xestión do Goberno galego. "De que nos acusa? Que é o que quere dicir sen dicilo?", manifestou.
"Por suposto que ten que actuar a Fiscalía se é oportuno e por suposto que ten que actuar a Inspección de Traballo". "Pero nós xa actuamos", sostivo o presidente, que asegurou que se fan máis dun milleiro de inspeccións ao ano. Ademais, acusou á nacionalista de estar "a buscar unha expectativa laboral" tras 25 anos na Cámara.
Estas palabras foron replicadas pola líder do Bloque, que considerou que as afirmacións de Rueda demostran unha "falta de respecto" ás persoas maiores ao "non responder a nada do que se lle pregunta" sobre a súa xestión e dedicarse "ao insulto e ao ataque persoal para embarrar o debate".
"Xa lle digo que non conte comigo, para importar esa política cutre xa está vostede", respondeu Pontón a un Rueda que, pola súa banda, afeou á nacionalista que "falte ao respecto aos funcionarios públicos".

