Pontón critica Rueda pola falta de alternativas en financiamento e sanidade: "A súa alternativa é pór o PP pór riba da Galiza"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou o BNG como a única forza política "coas mans libres" para defender os intereses da Galiza nun contexto de "crispación política", "servilismo" da Xunta ao PP de Madrid e perda de peso do país tanto no Estado como na Unión Europea, chamando a ampliar a base social para construír "unha Galiza en grande".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado en Santiago de Compostela o BNG como a única forza política capaz de defender os intereses de Galiza "coas mans libres", fronte ao "servilismo" do Goberno galego ao PP de Madrid, á "crispación política" no Estado español e a unha Unión Europea que, ao seu xuízo, actúa "pregada aos EUA de Donald Trump".
Pontón fixo estas declaracións durante a súa intervención no primeiro Consello Nacional do ano do BNG, no que analizou o "complexo, convulso e delicado momento" internacional, a situación política estatal e o papel da Xunta da Galiza, á que acusou de actuar "non como un goberno galego, senón como unha delegación das directrices que lle marcan desde o PP de Madrid".
"Neste contexto é máis importante ca nunca que Galiza conte cunha voz que a defenda aquí, en Madrid e en Bruxelas", subliñou, asegurando que o BNG é "a única forza política" que pode facelo sen ataduras. "Somos a forza que ten as mans libres para defender os intereses deste país e da súa xente; fronte á discriminación das forzas estatais, a lealdade inquebrantábel do BNG", proclamou.
Ampliar base social para "construír unha Galiza en grande"
A líder nacionalista marcou como obxectivo estratéxico seguir ampliando a base social e electoral do BNG, tendendo a man a todas as persoas e sectores que queren "construír unha Galiza en grande", fronte a un Goberno do PP que cualificou de "sen rumbo, atado de pés e mans ao centralismo e ás directrices da rúa Xénova".
Neste sentido, puxo como exemplo a postura do BNG contra o acordo UE-Mercosur, que considera unha "competencia desleal" e unha "ameaza real para a supervivencia de moitas explotacións gandeiras". Pontón lembrou que o PP votou até en tres ocasións en contra de iniciativas para frear ou revisar este tratado, tanto no Parlamento galego como no Parlamento Europeo, mentres o BNG, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, apoiou o seu envío ao Tribunal de Xustiza da UE para paralizar a súa aplicación.
"Tres veces, tres, o PP votou en contra dos gandeiros e das gandeiras", denunciou, advertindo de que "as loias xa non coan" porque "a xente do rural sabe quen está ao seu lado e quen lle deu as costas".
Financiamento e "submisión" de Rueda
Pontón foi especialmente crítica co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ao que acusou de non ter unha alternativa propia en materia de financiamento autonómico pola súa "submisión" ao PP estatal. Segundo explicou, mentres o BNG defende un concerto económico que lle dea a Galiza "a chave dos seus cartos", Rueda limítase a repetir "argumentarios falsos" ditados desde Madrid.
A portavoz nacional lembrou que o Consello de Contas cifra en arredor de 1.500 millóns de euros anuais o déficit de financiamento dos servizos básicos e criticou as contradicións do titular da Xunta, que primeiro reclamou só 500 millóns máis e agora cualifica de "desastre" a proposta estatal. "Rueda non ten alternativa porque a súa alternativa é pór o PP por riba da Galiza", resumiu.
Sanidade pública e urxencias, "nun calvario"
No ámbito dos servizos públicos, Pontón advertiu da situación "crítica" da sanidade pública galega, con listas de espera "insoportábeis" e urxencias hospitalarias "colapsadas". "O Goberno de Rueda converteu as urxencias nun auténtico calvario para as persoas enfermas, e iso é intolerábel", afirmou, acusando o PP de seguir unha estratexia "deliberada de recortes" para "beneficiar a sanidade privada".
Avanzou que o BNG seguirá priorizando a defensa da sanidade pública tanto nas institucións como na rúa, e confirmou o apoio á mobilización convocada para o domingo 1 de febreiro en Santiago de Compostela. "A saúde non é un negocio, é un dereito que non imos permitir que o PP venda ao mellor postor", advertiu.
Altri e Angrois
Na súa intervención tamén houbo espazo para a oposición ao proxecto da macrocelulosa de Altri na Ulloa, o cal cualificou de "bomba ambiental no corazón do rural". Pontón mostrouse convencida de que a mobilización social, co BNG ao lado da veciñanza, "vai conseguir parar Altri e o PP", para protexer comarcas produtivas e o río Ulla e a ría de Arousa.
Finalmente, referiuse á recente sentenza sobre o accidente ferroviario de Angrois, cualificándoa de "vergoñenta" e "tremendamente perigosa" por instaurar, ao seu xuízo, un marco de impunidade. Pontón expresou a súa solidariedade coas vítimas e comprometeu o apoio do BNG "até o final" para que haxa verdade, xustiza e reparación tras unha traxedia na que morreron 80 persoas.
"Imos seguir ao carón das vítimas até o final, para que haxa xustiza, para que haxa verdade e para que haxa reparación", concluíu.