Miranda (BNG) vota a favor de levar á Xustiza o tratado UE-Mercosur, González Casares (PSdeG) e Millán Mon (PP) rexeitan a iniciativa
A proposta de remitir o polémico acordo de libre comercio da Unión Europea (UE) con Mercosur (a Arxentina, o Brasil, Paraguai e o Uruguai) ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que revise se é compatíbel cos tratados comunitarios, promovida por un nutrido grupo de eurodeputados e eurodeputadas (entre elas a nacionalista galega Ana Miranda), saíu adiante con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións.
"Co voto do BNG, acabamos de gañar que o Acordo Mercosur-UE vaia ao Tribunal de Xustiza Europeo", salientou a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen amosou o rexeitamento da súa formación á implementación do acordo. Pola súa parte, Francisco José Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSdeG) votaron en contra.
"Os nosos eurodeputados votaron a favor de levar o Mercosur ante o Tribunal de Xustiza da UE, xa que a súa compatibilidade coa lexislación da UE é dubidosa. E gañamos... por 10 votos! Non rematou! Os nosos eurodeputados da ALE seguirán loitando contra Mercosur. Os cidadáns e os agricultores da UE deben ser escoitados", sinalou a Alianza Libre Europea, grupo no que está inxerido o BNG na Eurocámara.
A aprobación desta iniciativa supón paralizar a súa efectividade definitiva até que a xudicatura se pronuncie, o que podería atrasar o acordo de ratificación dous anos. Con todo, isto non supón necesariamente a paralización da súa aplicación provisional, algo que depende da Comisión Europea ou de que a Xustiza así o ditamine.
Desta maneira, a votación saíu adiante coa maioría dos eurodeputados e das eurodeputadas do Partido Popular Europeo (grupo no que está inxerido o PP) votando en contra, da mesma maneira que aconteceu no caso de Socialistas e Demócratas (grupo no que está inxerido o PSdeG).
Con todo, a decisión que finalmente tomaron os eurodeputados Millán Mon e González Casares non foi unánime nos seus respectivos grupos, xa que esta iniciativa provocou unha fenda nos mesmos, cunha considerábel cantidade de representantes do PPE e de SeD que votaron a favor da proposta, algo que finalmente resultou decisivo para que saíse adiante.
Neste contexto, a portavoz comunitaria de Comercio, Olof Gill, dixo nunha rolda de prensa que a ollos de Bruxelas a motivación da Eurocámara para acudir ao TXUE "non está xustificada", en tanto que se tomaron medidas a nivel comunitario para atender as preocupacións e dúbidas que apuntan os eurodeputados e as eurodeputadas.

