A Conferencia de Presidentes remata sen consensos e nun clima de tensión
Desde Galiza, o presidente Alfonso Rueda acudiu esta sexta feira á XXVIII Conferencia de Presidentes decorrida en Barcelona sen unha axenda propia de país, asumindo o guión do PP estatal e apoiando o discurso marcado por Alberto Núñez Feixoo. Así o evidenciou durante a súa comparecencia posterior, na que cualificou a reunión como "unha conferencia para a foto" e criticou que as propostas das comunidades gobernadas polo PP fosen "excluídas" das reunións preparatorias. Segundo Rueda, tiveron que “forzar o regulamento” para incluír os temas que pedía o PP, pero estes non foron debatidos nin sometidos a votación, malia ser, dixo, "perfectamente posíbeis de consensuar".
O presidente galego lamentou que o Goberno estatal "non se posicionase ante ningunha das súas propostas" e insistiu en que Galiza segue "coa man tendida" pero marcha "sen acordos pola falta de vontade" do Executivo de Pedro Sánchez. A súa valoración foi idéntica á realizada tras a anterior conferencia, decorrida en Santander.
Un dos puntos máis visíbeis da confrontación foi a petición de Rueda e do resto de presidentes e de presidentas populares para que Sánchez convoque unhas novas eleccións estatais. O xefe do Executivo español respondeu que non hai intención de adiantar os comicios, ao entender que a estabilidade do Goberno está "garantida" e que a lexislatura debe continuar até 2027.
En canto ás acusacións de "falta de diálogo" de Rueda –que replicou a estratexia de Feixoo–, Moncloa contestou insistindo en que a súa proposta en materia de vivenda era "de consenso", que a Conferencia non é un espazo para votar, senón para debater, e que ningunha das edicións anteriores someteu a votación as propostas dos participantes.
A vivenda como emerxencia
A vivenda foi precisamente o eixo central da cita. O Goberno presentou un plan para triplicar o gasto público neste eido entre 2026 e 2030, cun modelo de financiamento no que o Estado asumiría o 60% e as comunidades, o 40%. A ministra do ramo, Isabel Rodríguez, defendeu a creación de vivenda pública "permanente" cun investimento de perto de 7.000 millóns de euros en cinco anos e criticou o modelo "liberalizador" promovido polo PP, e cualificou de "pecado orixinal" o acontecido cos fondos voitre na anterior crise.
Rodríguez insistiu tamén en que un dos puntos de acordo que propuña o Goberno consiste nunha maior transparencia na xestión, facendo públicos datos e rexistros sobre a demanda e a oferta de vivenda. A ministra reprobou a actitude das comunidades que rexeitaron esta proposta de triplicar o gasto en vivenda pública, algo que considerou “inxustificábel” dada a situación de “emerxencia” que hai actualmente no Estado. Galiza, segundo explicou Rueda, estaría disposta a explorar acordos se se flexibilizan os prazos. A proposta do aumento do gasto en vivenda pública foi apoiada por comunidades como Euskadi (PNV), Nafarroa (PSOE), Catalunya (PSC-PSOE), Asturias (PSOE) e Canarias (Coalición Canaria), e rexeitada polos executivos do PP e tamén por Castela-A Mancha (PSOE), que mostrou certas discrepancias na porcentaxe de financiamento.
Tensión polo uso das linguas oficiais
A cuestión lingüística tamén protagonizou parte da xornada. Durante a sesión plenaria, a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, abandonou a sala cando o lehendakari, Imanol Pradales, comezou a falar en euskera, e permaneceu fóra durante a intervención en catalán do president Salvador Illa. Só regresou á sala cando Rueda, que saudou en galego pero desenvolveu a súa intervención en castelán, tomou a palabra. Posteriormente, o propio Rueda xustificou esta decisión apelando á "operatividade" e á "posibilidade de ser entendido sen intermediarios". "É unha riqueza e un privilexio ter dúas linguas oficiais", afirmou, malia considerar que é "innecesario contar con intermediarios cando existe unha lingua común”.
Política migratoria e modelo de financiamento
No que ten a ver coas políticas migratorias, Rueda reiterou que debe ser "unha responsabilidade coordinada polo Goberno" estatal e afeou as "ameazas de imposición" de medidas por parte do Executivo estatal, que pola súa parte acusou o PP de pór "muros" ás e os menores migrantes non acompañados que precisan dunha solución inmediata, e lembrou que en comunidades como a Rexión de Murcia, onde goberna con Vox, "rexeitan directamente" a súa acollida.
No apartado de financiamento, Galiza expresou o seu "malestar" pola non aprobación das “entregas a conta”, que suporían "100 millóns de euros para os galegos e as galegas". Por outra parte, Rueda rexeitou calquera fórmula de financiamento bilateral máis alá dos réximes forais constitucionais e exixiu "un novo modelo común".
En relación coa condonación da débeda, que aliviaría a contraída pola Xunta da Galiza en 4.010 millóns de euros, Rueda evitou pronunciarse de forma clara e puxo en dúbida que renunciar a esta posibilidade signifique rexeitar fondos que Galiza podería empregar libremente sen aumentar o seu endebedamento de forma indirecta, a través do endebedamento estatal. Segundo indicou, Sánchez "non respondeu" á súa pregunta neste sentido.
A pesar da falta de acordos, o Goberno español destacou o "clima xeral de respecto" durante a sesión, así como a presenza de todas as comunidades autónomas ao longo de toda a reunión, e anunciou que a próxima Conferencia de Presidentes terá lugar en Asturias dentro de seis meses, a proposta do presidente autonómico Adrián Barbón.
Desde Galiza, Rueda celebrou a convocatoria deste novo encontro, pero advertiu, seguindo os argumentos do PP estatal, que "un Goberno sen orzamentos, sen propostas claras e que perde votacións de forma continuada no Congreso debería convocar eleccións xerais".
Críticas desde Galiza ao papel de Rueda "como delegado de Feixoo" no cumio
Após escoitar as declaracións de Alfonso Rueda ao termo da Conferencia, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que acudise a Barcelona "como delegado de Feixoo e non como presidente dos galegos". Besteiro reprochou ao titular da Xunta que regresase "sen unha soa proposta concreta para Galiza" e coa "única intención de cumprir co guión do Partido Popular". "É difícil avanzar cando un presidente prefire falar de eleccións anticipadas que de vivenda, sanidade ou financiamento autonómico", sinalou, ao tempo que lamentou que Rueda renunciase a aproveitar un espazo institucional "pensado para chegar a acordos que beneficien á cidadanía".
Desde o BNG, que emprazou ao Consello Nacional previsto para este sábado para ofrecer unha valoración da participación de Rueda no cumio de Barcelona, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, xa afeara con anterioridade ao inicio da Conferencia de Presidentes que o Goberno do PP na Xunta da Galiza "non ten determinación á hora de defender unha axenda galega", así como a necesidade de "defender os intereses dos galegos e das galegas" e non "os do PP".


