Pontón advirte da falta de cribados de cancro de mama de 45 a 50 anos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou onte desde Lugo que a Xunta da Galiza non está realizando os cribados de cancro de mama de 45 a 50 anos que prometera o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, hai tres anos.
Pontón referiuse aos cribados do cancro, un asunto que, subliñou, "preocupa moito" ao Bloque dado que se trata de algo "tan importante com a protección da saúde das mulleres". Neste sentido, a nacionalista dirixiu "dúas preguntas moi claras" a Rueda, a comezar por cuestionarlle "por que esconde os datos dos cribados de mama" na Galiza. "Que é o que ten que esconder o Partido Popular?", reflexionou, para anunciar a continuación que o BNG pedirá que "se remita de inmediato" esta información a todas as formacións do Parlamento galego.
En segundo lugar, aproveitou a ocasión para voltar a preguntar "por que as mulleres de entre 45 e 50 ano non están sendo chamadas para facer ese cribado de mama, tal e como anunciou 0 señor Rueda hai tres anos?". A líder nacionalista recalcou a importancia de "algo tan importante como é a prevención do cancro de mama" e advertiu de que con isto "non se pode facer propaganda que logo se non se cumpre, nin tampouco utilizala na estratexia partidista cutre que lle marca ao señor Rueda o Partido Popular de Madrid".
Pontón concluíu a súa intervención enviando unha mensaxe ao presidente da Xunta da Galiza, "quero dicirlle ao señor Rueda que así non, que coa saúde das galegas non se xoga".
Estas reclamacións do BNG veñen despois de que o Goberno galego comunicara en 2023 a súa intención de ampliar a poboación albo dos programa de cribado de cancro de mama.
A Consellaría de Sanidade sinalou onte aos medios que se está a desenvolver o cribado de cancro de mama nas mulleres de 45 a 49 anos no marco do proxecto Xenoma Galiza, estratificándose o risco a través de análises xenéticas. Afirma Sanidade que mediante o desenvolvemento progresivo dese proxecto, que xa realizou 2.000 mostras no programa piloto, chegarase no futuro ao conxunto de mulleres desa faixa de idade.
