Pontón acusa Rueda de "traizón" ao pobo galego mentres Besteiro critica o "seguidismo obsceno" do presidente da Xunta a Feixóo

"Desde o BNG pedimos unha rectificación porque o que non podemos permitir é que, mentres outras comunidades van ter unha redución da súa débeda, Galiza perda 4.000 millóns de euros, única e exclusivamente porque o señor Rueda, na vez de actuar como presidente da Galiza, actúa como delegado de Feixoo na Galiza”, afirmou a nacionalista.
Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou esta quinta feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "rectifique, deixe de traizoar a Galiza e acepte a condonación da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura co Partido Socialista".

"Desde o BNG pedimos unha rectificación porque o que non podemos permitir é que, mentres outras comunidades van ter unha redución da súa débeda, Galiza perda 4.000 millóns de euros, única e exclusivamente porque o señor Rueda, na vez de actuar como presidente da Galiza, actúa como delegado de Feixoo na Galiza”, afirmou desde a comarca de Valdeorras, a onde se desprazou para visitar algunhas das zonas danadas e avaliar o impacto da última vaga de lumes e onde mantivo un encontro con diferentes sectores afectados.

Pontón considerou "incualificábel" que o titular do Executivo galego continúe negándose a aceptar unha quita 4.000 millóns de euros que significaría "ter máis recursos para poder atender as necesidades sociais e de recuperación dos lumes".

"É evidente que se nos reducen nun 33% a nosa débeda, imos ter máis recursos dispoñíbeis para a vivenda, a sanidade, a educación ou para facer fronte ás consecuencias do despoboamento do noso medio rural", afondou, para indicar a continuación que é o propio Rueda o que ten que explicar aos galegos e ás galegas a razón desta renuncia.

A líder nacionalista indicou que o máis grave é que o presidente da Xunta "non toma esta decisión pensando na Galiza, senón obedecendo as ordes que lle manda o Partido Popular desde Madrid". "O señor Rueda está traizoando Galiza cando non acepta esta quita da débeda e faino porque cando ten que escoller entre os intereses da Galiza e os do PP, sempre escolle o Partido Popular", remarcou.

Nesta liña, asegurou que Galiza "non ten por que soportar esta traizón nin un presidente que está demostrando que é o presidente máis desleal da historia", polo que avanzou que o BNG vai seguir denunciando esta situación.

"Non pode facernos perder miles de millóns de euros única e exclusivamente porque prefire ser o recadeiro de Feixoo antes que o presidente dos galegos e das galegas", concluíu a líder da formación nacionalista a respecto do rexeitamento da quita da débeda por parte do presidente da Xunta.

Besteiro acusa Rueda de "seguidismo obsceno"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou o "seguidismo obsceno" de Rueda ao Partido Popular, e reclamou ao presidente da Xunta que "defenda realmente os intereses da Galiza" e acepte a condonación da débeda.

A Xunta mostrou a súa negativa a esta medida que permitiría que o Estado asuma 83.252 millóns de euros de débeda das autonomías. No caso da Galiza, a condonación alcanza os 4.010 millóns de euros. Isto supón reducir a débeda nun 33% respecto ao fechamento rexistrado en 2023.

Neste contexto, Besteiro defendeu esta medida "histórica" que situaría Galiza en "mellor posición nos mercados" e permitiría investir ese diñeiro na "mellora dos servizos públicos", como é a sanidade, ou o benestar social. Por iso, subliñou que é "pouco comprensíbel que non consideren que é unha medida positiva".

"Se a unha familia lle quitan un terzo da súa hipoteca, do piso que está a pagar, e perdóanlle un terzo da súa débeda e os intereses correspondentes, non o aceptaría?", preguntou. Ademais, desmentiu que a condonación beneficie Catalunya, asegurando que "sete de cada 10 euros van dirixidos a comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular".

Comentarios