A Xunta reitera a súa negativa a que o Estado condone até un terzo da débeda galega
O Goberno español aprobou esta terza feira na súa reunión semanal o anteproxecto de lei orgánica para a condonación de débeda parcial ás comunidades autónomas, que suporá que o Estado absorba un total de 83.252 millóns de euros, o que equivale a unha cuarta parte da débeda rexional de réxime común, unha medida que segundo o Executivo non supón "ningún agravio con ningunha parte do territorio". A portavoz do Goberno español, Pilar Alegría, afirmou esta terza que “vai beneficiar todas as comunidades”.
A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, pola súa parte, dixo que a medida favorece todas as comunidades, aínda que non teñan débedas co Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), como é o caso, por exemplo, da Galiza. Neste sentido, hai que lembrar que o BNG introduciu no acordo asinado en 2023 co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez un punto para que a Galiza fose compensada dunha forma análoga á condonación da débeda a calquera outra autonomía, aínda que a Administración galega non recorrese ao Fondo de Liquidez Autonómica.
A aprobación da condonación tivo resposta polo PP antes mesmo de que a medida fose debatida no Consello de Ministros. O secretario xeral do PP estatal, Miguel Tellado, anticipaba a primeira hora unidade dos seus 'baróns' territoriais contra a condonación alegando que "cando racha o trato igualitario entre españois" non poden estar de acordo, aínda que haxa territorios gobernados polo PP que sairían beneficiados coa quita, afirmou.
Un discurso no que tamén se move o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que antonte afirmaba a preguntas deste medio que a condonación da débeda "non lle soluciona nada" a Galiza. “É un mal negocio para a Galiza”, chegou a dicir sobre que o Goberno estatal asuma un terzo da débeda pública galega. En cifras redondas, a decisión aprobada esta terza liberaría a Xunta de ao redor de 4.000 millóns de euros de débeda, o que supón tanto como que o Estado asuma un de cada tres euros que debe a Administración galega. Mais o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, reiterou a negativa da Xunta a esta medida, mesmos en desbotar recorrer á vía xudicial. A débeda pública galega sitúase por riba dos 13.000 millóns de euros. En 2009, ano no que o PP de Núñez Feixoo chegou á Xunta, a débeda galega non chegaba a 5.000 millóns. O Executivo que dirixe Alfonso Rueda reserva nos Orzamentos para 2025 unha partida de 1.763 millóns para a amortización e gastos financeiros da débeda.
Cortes xerais
Após a aprobación do anteproxecto de lei en Consello de Ministros, o previsto é que o texto se envíe ás Cortes Xerais para que continúe o seu percorrido parlamentario. No Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) de febreiro, o Goberno estatal conseguiu sacar adiante estas proposta grazas ao voto favorábel das comunidades do PSOE, mentres que as rexións do PP levantáronse da reunión e non chegaron nin sequera a votar este asunto.
A oposición critica a "submisión" de Rueda a Xénova
A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, anunciou que o BNG pedirá que o Goberno galego que "defenda os intereses dos e das galegas e acepte esa quita da débeda que negociou o Bloque en Madrid".
“A Xunta da Galiza debe defender os intereses dos galegos, en contra do interese partidista do PP, e aceptar esa condonación para permitir que este país poida dispor deses 4.000 millóns de euros que terían que destinarse ao pagamento dos xuros e da débeda e que deberían porse a disposición das persoas que o perderon absolutamente todo este mes de agosto na provincia de Ourense, onde ardeu 10% do seu territorio”, manifestou Rodil, moi crítica coa "submisión" de Alfonso Rueda ante as directrices emanadas da rúa Xénova [sede do PP español]".
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reprochou estes días á Xunta que rexeitase a proposta do Goberno español para condonar 4.010 millóns de euros da débeda pública galega. “Preferiron dicir que non para seguir a estratexia de Núñez Feixoo en Madrid”, afirmou. O portavoz socialista detallou o impacto real deses 4.000 millóns que Rueda rexeita: 20 veces o destinado a vivenda ou 200 veces o investimento en investigación sanitaria.

