Política Social di que "renovará" o CAPD Souto de Leixa de Ferrol
As queixas de familias de persoas usuarias afectadas pola situación do centro terapéutico ocupacional público CAPD Souto de Leixa, en Ferrol, chegaron esta cuarta feira ao Parlamento a través dunha pregunta do BNG. O deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonzo avisou do "mal estado" e das queixas das familias sobre o "frío" e a "fame" neste centro para persoas con discapacidade.
"As queixas das familias das persoas residentes, e mesmo de cadro de persoal, veñen sendo continuas desde o inicio da xestión privada do centro. As máis recorrentes son o deterioro das instalacións, o insuficiente persoal para atender as persoas residentes, a falta de formación, as malas condicións de traballo, e deficiencias graves das condicións básicas propias do servizo da residencia, da atención sanitaria, psicosocial, etc", indica a formación nacionalista. En resposta a isto, a conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que o centro será "completamente renovado".
Pola súa parte, a Xunta da Galiza, a través dun comunicado de prensa, informa de que licitou "xa" as obras para unha "completa reforma" deste centro público de atención á discapacidade, para as que destina un orzamento de 1,2 millóns de euros.
Fiscalía
Familiares do CAPD Souto de Leixa informaban a semana pasada que denunciaran na Fiscalía a falta de recursos e presuntos casos de "malos tratos" e "discriminación", cuestión da que se fixo eco este xornal. Unha denuncia, porén, que non partilla parte do persoal deste centro ferrolán, que destaca o "bo labor" desenvolvido "día a día".