18-F

Podemos cualifica o proxecto de ampliación do Chuac como "nefasto"

A obra, orzamentada en máis de 500 millóns de euros, “incumpre requisitos da Axenda 2030”.

Faraldo e Villanueva (á esquerda), esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Faraldo e Villanueva (á esquerda), esta terza feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos á presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, cualificou de "nefasto" o proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Tras manter un encontro coa Plataforma de Afectadas pola Ampliación do Chuac xunto á eurodeputada Idoia Villanueva, a candidata de Podemos criticou esta ampliación, "con máis de 500 millóns" de orzamento, para crear "un hospital bunkerizado, un hospital bloqueado en si mesmo" e que "condena unha serie de familias a unha situación absurda, a ter que deixar as súas casas".

Ademais, Faraldo tamén fixo referencia a que co modelo proxectado, "nun futuro o hospital non vai poder medrar máis". Así mesmo, apuntou que a obra "incumpre todos os requisitos de accesibilidade da Axenda 2030 e das directrices europeas", polo que agradeceu á eurodeputada a súa presenza para que "isto chegue a Europa".

Pola súa parte, Villanueva reivindicou que durante anos levaron "a Europa as atrocidades que comete a Xunta". Neste sentido, citou o caso da Serra de Groba, ao que se referiu como "grandes pelotazos de parques eólicos" e afirmou que "se fragmentaban" á hora de presentar os proxectos para "evitar os informes de impacto ambiental".

Comentarios