Podemos na Galiza chama a unir toda a esquerda arredor de Yolanda Díaz

A formación morada concorreu aos comicios partillando candidaturas de unidade con Esquerda Unida en seis localidades.
Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, chamou esta cuarta feira a unir forzas arredor de Sumar para enfrontar a dereita nas elección estatais do 23 de xullo. Neste sentido, defendeu adiar a valoración dos resultados dos comicios locais de 28 de maio.

Os resultados electorais non acompañaron Podemos na Galiza o pasado domingo. A formación morada concorreu aos comicios partillando candidaturas de unidade con Esquerda Unida en seis localidades e en coalición con Espazo Verde en Ferrol, Nigrán, Pontevedra, Teixeira, Teo e Vilagarcía de Arousa.

Podemos presentouse en solitario en 17 concellos galegos. Tratábanse dos municipios de Ames, Arteixo, Baiona, Cangas, Cambre, Carballo, Lobios, Mos, O Carballiño, O Grove, Padrón, Parada do Sil, Sada, Sanxenxo, Salvaterra de Miño, Tomiño e Viveiro.

A representación institucional de Podemos ficou reducida ao Concello de Laxe. Neste sentido, os seus candidatos ficaron fóra das grandes cidades, se ben Compostela Aberta si que logrou presenza na corporación.

O máximo responsábel da formación na Galiza, Borja San Ramón, considera que non é este o momento de facer valoracións e apelou á "responsabilidade", porque "o ciclo electoral non rematou". Nesta liña, asegurou  que é o "momento de responsabilidade, da calma e de chegar a acordos".

Marta Lois

A concelleira en funcións de Compostela Aberta e que concorreu de décima o 28-M (sen obter acta), Marta Lois, é a persoa que figura como presidenta do partido instrumental Sumar, o 'Movemento Sumar', unha figura que xa asumiu cando a plataforma que impulsa a vicepresidenta Yolanda Díaz foi rexistrada inicialmente como asociación.

Comentarios