Podemos: Beiras e Díaz "non son os que teñen que propor unha maré galega"

O secretario xeral, Breogán Riobóo, sinalou en comparecencia de imprensa que AGE foi unha experiencia "positiva" mais rexeita que se artelle unha outra "sopa de siglas" para as eleccións estatais. 

Podemos Galiza
photo_camera [Imaxe Podemos]

Podemos non rexeita a opción dunha maré galega de cara ás eleccións de novembro ao Parlamento español segundo sinalou o seu secretario xeral en Galiza esta cuarta feira. Porén, coida que Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, as persoas que lanzaron esta proposta durante a campaña das municipais, "non son os que teñen que propor unha maré galega". 

Así de taxativo se amosou Riobóo e segundo as declaracións recollidas pola axencia de noticias Europa Press, en relación coa idea de que as forzas políticas que confluíron en AGE se sumen a Podemos nunha candidatura unitaria de cara aos comicios de outono que Rajoy prevé convocar para o 22 ou 29 de novembro. 

Para o secretario xeral de Podemos a idea dunha maré debe ser promovida pola "xente" e non por "Beiras, Yolanda, Breogán". "Non son as organizacións as que teñen que marcar estes tempos", afirmou ao tempo que asegurou que AGE, embora xerar "ilusión", "non era a necesidade real que tiña o pobo galego" ao se tratar dunha "coligazón de siglas". 

Unha fórmula que para Podemos non debe repetirse. 

Comentarios