Pontón contrapón o modelo eólico "respectuoso co medio ambiente e coa xente" do BNG co "especulativo e depredador" do PP

A portavoz nacional do BNG participou en Pontevedra nun encontro con colectivos, plataformas e entidades que están a loitar "para mudar o 'boom' eólico depredador que promove o PP".
Encontro do BNG con representantes de colectivos afectados polos proxectos eólicos, esta quinta feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro do BNG con representantes de colectivos afectados polos proxectos eólicos, esta quinta feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta quinta feira en Pontevedra un encontro con colectivos, plataformas e asociacións afectadas polo que definiu como "espolio eólico especulativo e depredador" e con cuxos integrantes compartiu as propostas do Bloque para un desenvolvemento eólico "a favor do país e sostible no social, no económico e no ambiental".

No encontro tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará. A líder do BNG diferenciou "dúas formas de entender o desenvolvemento eólico da Galiza", o da formación nacionalista e o do Partido Popular, "que está a promover un boom eólico especulativo e depredador, que non respecta o territorio e vai en contra da xente do medio rural" e que, segundo asegurou, "está ao servizo do lobby enerxético desas empresas que nos están a estafar nesta crise".

En fronte, situou o modelo que defende o Bloque, que está "en consonancia cun movemento social moi importante" e que propón que "a eólica ten cabida" no país, pero non tal e como está exposta, senón que "ten que ser un modelo respectuoso co medio ambiente, coa xente que vive no medio rural", e que, ademais, que poña a enerxía "ao servizo do país".

Participación pública

Para Pontón, é necesario que este modelo faga unha planificación do territorio, que os proxectos estean vinculados "a iniciativas de tipo industrial", que unha parte dos compoñentes deses parques sexan fabricados na Galiza, e que a enerxía se utilice para o desenvolvemento económico.

Isto, dixo, estaría asegurado cunha participación pública nos proxectos que "non ten que ser só a Xunta, tamén pode ser de concellos" e mesmo doutras entidades de ámbito local. Aliás, tamén avoga o Bloque por modelos de autoconsumo e comunidades enerxéticas.

O BNG censurou que só 5% dos beneficios da industria eólica instalada neste territorio quede no país e que 95% restante, "que é unha barbaridade", estea "a emigrar". "O que estamos a ver neste momento é que ao espolio de toda a vida pónselle a etiqueta verde, e iso é o que está a facer o Partido Popular e é unha auténtica aberración", dixo Ana Pontón. "O PP, no canto de estar a pensar na Galiza, está a pensar nas portas xiratorias das empresas eléctricas", engadiu.

A líder da oposición no Parlamento galego asegurou que aínda se está "a tempo de parar este boom eólico depredador e pór a enerxía ao servizo da sociedade". Por iso, os nacionalistas van expor este debate en todas as institucións e en todos os ámbitos "porque este é un tema de país", subliñou.

Neste senso, Pontón convidou a cidadanía para participar o vindeiro domingo 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, na mobilización convocada en Compostela por entidades ecoloxistas, veciñais, sociais, sindicais e políticas, agrupadas arredor da coordinadora Eólica Así Non.

Comentarios