Feixoo culpa o Estado das listas de agarda no Sergas

Alén das competencias do Estado na taxa de reposición, a Xunta ten da súa man activar mecanismos que aliviarían as listas de agarda na Atención Primaria e que non están a ser postos en marcha. Por exemplo: a ampliación da duración dos contratos ou a creación de novas categorías profesionais.
O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na primeira reunión do Executivo galego após o período estival (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na primeira reunión do Executivo galego após o período estival (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, recoñeceu tanto a existencia de listas de agarda na Atención Primaria do sistema sanitario galego como que neste verán ficaron sen cubrir postos de profesionais por vacacións e xubilacións.

Mais lonxe de asumir responsabilidades, culpou o Goberno estatal da problemática. "Nin se nos deixa contratar as prazas que temos vacantes nin se atende á proposta da Galiza para captar máis médicos", remarcou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego, a primeira tras o período estival.

Lembrou que a Xunta expuxo eliminar a taxa de reposición e convocar un MIR extraordinario para Medicina de Familia como medidas para paliar a "falta" de profesionais.

Con todo, persoal sanitario consultado por este xornal sinala que o MIR extraordinario non solucionaría as listas de agarda, xa que sobrecargaría as e os médicos da Primaria que terían que titorizar as e os residentes, que até dentro de catro anos non estarían en disposición de cubrir prazas.  

En canto á taxa de reposición, a a pesar de que a súa ampliación é decisión do Goberno estatal, a Xunta ten na súa man paliar a falta de profesionais e as listas de agarda mellorando a contratación no Sergas, ofrecendo contratos  estábeis e duradeiros e con mellores condicións, especialmente precarias en Medicina de Familia.

"Precisamos máis persoal, máis investimento e máis tempo para ver os pacientes", reclamaban este ano desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. 

A Xunta tamén pode contratar máis categorías profesionais á parte de médicos de familia, o que axudaría a aliviar as listas de agarda na Atención Primaria, tal e como reivindica SOS Sanidade Pública, que avoga pola contratación de psicólogas clínicas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedas... Son disciplinas que teñen carteira de servizos propia, é dicir, que se podería acceder a elas sen ter que acudir antes a Medicina de Familia.

Comentarios